Este mércores 26 de outubro xuntámonos as persoas integrantes do Club de lectura Queeruña no recuncho do clubs da biblioteca do Ágora, e como sabemos que hai xente que todavía está por inscribirse (aquí podedes!) e quen non puido achegarse, compartimos o máis salientable do que comentamos sobre El azul es un color cálido, do que podedes ler a ficha sobre a autora e a previa dos eixos de debate neste blog.

clubdelecturaqueerunha

Sen ánimo de desvelar spoilers, quedamos coa fibra sensible por esta historia de emocións e espertar sexual en plena adolescencia. Compartimos as nosas vivencias a través de Clementine, as súas e as nosas revelacións e as impresións que nos deron aínda outra lectura do cómic máis enriquecida que a que xa traíamos posta.

Xa de primeiras comentamos que a lectura de El azul es un color cálido resulta moi áxil, aínda que tamén falamos de certas tipoloxías de cómic máis denso, como os de Alison Bechdel, autora que incluso creou o test que leva o seu nome para medir o equilibrio de xénero en obras de ficción. Nos seus libros mestúrase psicanálise con sesudas reflexións sobre a súa identidade lésbica.

Nun inciso falamos sobre a nosa bagaxe comiquera e preguntámonos se temos visto moita representación LGTB no cómic, do que saíu o xénero de superheroes de man da renovada Batwoman abertamente lesbiana, ou dentro dos clásicos, a relación de Mística e Destino, da serie X-men. Tirando dese fío, sobre a representación de mulleres sacamos unha curiosa lista de mozas de superheroes que morren soamente para servir como pretexto para que o heroe procure vinganza: mulleres no frigorífico (Women in refrigerators). E se queredes ler máis sobre chavalas no cómic, tedes esta análise en Pikara Magazine.

Mistica_y_Destino.jpgVoltando á lectura da sesión, chamounos a atención o emprego intencionado de cor en certas páxinas do libro, onde reflicte a vida en parella, e o dominio de grises sobre azul no proceso de namoramento e autocoñecemento de Clementine. Máis aló do debuxo, acordamos que se desprenden moitas cuestións para debatir e analizar unha sociedade como a francesa da primeira década do 2000.

O cómic presenta unha sociedade francesa na que a homosexualidade debería ser unha cuestión, en todo caso, íntima e da vida privada, algo interiorizado por Clementine fronte a unha Emma liberada e que fai do persoal algo político. Unha das estampas que comentamos con asombro foi o momento do acoso homófobo no instituto de Clementine, cando o estudantado amosa ese rexeitamento que se ve máis exacerbado pola pluma de Emma, quen vive a súa sexualidade dun xeito natural grazas, en boa parte, a un entorno familiar que a botou cara diante. Este último factor, sen dúbida, considerámolo relevante fronte a diferenza de idade que hai entre as protagonistas.

Foi imposible non comparar as sensacións da lectura do cómic e o visionado da película La vida de Adèle, baseada no libro. Vemos que cada formato dálle un peso diferente a distintos momentos da historia, pois se ben o cómic se centra no espertar de Clementine, a película deposita todo o peso na relación de parella dela con Emma. Iso si, as case tres horas de filme ben se equiparan á lectura do cómic.

E, como final deste post, o final do libro, aventurado xa no comezo. Falamos tamén dalgo que iremos vendo no resto de sesións: as tramas tráxicas dentro das representacións culturais con fondo LGTB, e a  aparente imposibilidade de que as personaxes sexualmente diversas non morran ou rematen infelices por acontecementos dramáticos.

Queredes saber algo máis ou que vos pasemos máis información sobre algún destes aspectos que tratamos? Comenta aquí, escríbenos a clubdelecturaqueerunhaARROBAgmailPUNTOcom ou pásate na vindeira sesión do club!

Vémonos na terceira sesión do club de lectura Queeruña o mércores 23 ás 19h no recuncho dos clubs de lectura do Ágora! Comentaremos un clásico da literatura galega que se considera a nosa primeira obra queerA Esmorga.

Contamos contigo? Inscríbete, coméntanos e comparte!

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s