As Municipais entenden, abofé que si. Neste 2017 cúmprense 5 anos desta iniciativa única en Galicia que resulta un pulo para a difusión da cultura LGTB e para a visibilización do colectivo na sociedade a través das bibliotecas, un recurso público e accesible. Falamos con Nelson Rodríguez e Diego Maseda, precursores desta apaixoante iniciativa que naceu do esforzo individual nunha wiki e que agora é un proxecto con redes tecidas que chegan ata o club de lectura Queeruña.

Como naceu a proposta As Municipais Entenden?

A proposta como tal xurdiu dunha conversa arredor dunha idea que Diego tivo no 2012 sobre a necesidade de apoiar a un colectivo que aínda a día de hoxe precisa dunha maior visibilidade e compromiso, especialmente por parte das administración públicas, para gañar respecto. Ese ano fixemos unha primeira tentativa que se materializou nun modesto primeiro ano de proba con moitas expectativas de cara ao futuro.  Nese momento vimos as inmensas posibilidades da iniciativa que, co tempo, foi gañando algo máis de peso. As direccións da Biblioteca Ágora e da Rede de Bibliotecas foron axentes activas, e tamén cómplices.

Cal era o obxectivo e en que foi evolucionando nestes anos?

As bibliotecas públicas, en esencia, son axentes activos na erradicación de toda manifestación excluínte. Ofrecen variados servizos de altísima calidade de forma gratuíta e democratizan o acceso á cultura. Co colectivo LGTBI non iba ser distinto: fíxose necesario autoavaliar a colección que ofrecíamos para determinar ata qué punto recollía a diversidade sexual e conseguir encher os ocos temáticos non cubertos. Debemos garantir que calquera persoa que se achegue á súa biblioteca buscando información sobre o LGTBI obteña unha resposta eficiente.

Existen iniciativas similares nas bibliotecas galegas e españolas?

A nivel galego está Biblioteca Queer, un grupo de traballo formado por profesionais da información e a documentación que serve de punto informativo LGTBI para outras profesionais do mesmo sector.

A nivel estatal hai iniciativas puntuais moi variadas: publicación de guías de lectura en bibliotecas de Córdoba, Xixón ou Euskadi, organización de seccións específicas nas bibliotecas de Murcia, Huesca ou Guipúzcoa, organización de charlas, etc. A nivel estatal só o goberno de Cataluña publicou unha bibliografía chamada Cultura gai, lésbica i transexual co obxectivo de dotar as bibliotecas públicas catalanas dunhas directrices para dispoñer dunha colección básica de obras que ofrezan unha visión positiva da diversidade sexual. En Cataluña as bibliotecas son moi potentes e algunhas delas dispoñen dun amplísimo fondo documental e audiovisual de temática LGTBI, e tamén clubs de lectura temáticos.

logo

Credes que existe unha necesidade de catalogación dos fondos que teñen trama LGTBI, non só no relativo á teoría queer ou de xénero, senón a todos os xéneros literarios?

A eterna pregunta: visibles ou invisibles? Traer os materiais LGTBi adiante non significa necesariamente unha visibilización, unha “existencia real”, senón máis ben unha marca. En lugar de separalo, pódese indicar como unha parte da catalogación que permita recuperar aquelas temáticas que nos interesen e que se insiran dentro da ficción en xeral. Obviamente, no tema do ensaio, da teoría, é necesario marcalo igual que se marca a historia de Galicia, a de España ou a filosofía clásica.

Sen embargo esto non significa que, en momentos concretos, ese material non salga a relucir e sexa marcado como especial. Mais eses momentos son de posicionamento do propio servizo como elemento social cohesionador. As mostras polo mes do aniversario de Stonewall, as presentacións de libros, contacontos, sesións de lectura… son formas de posicionarse como axente social incluínte, un refuxio para todxs xs refuxiadxs de xénero ou quen queira achegarse a unha diversidade oculta, invisibilizada e por tanto inexistente históricamente.

Tanto é así para as bibliotecas que acabamos de implementar un vocabulario LGTBI específico para o tratamento técnico dos materiais LGTBI que entren nas bibliotecas. Tamén temos, por fin, unha sección na páxina web que fala destes materiais. Ás cousas hai que chamalas polo seu nome porque mentres non o fagamos, non existen.

Que papel teñen as bibliotecas na visibilización do colectivo LGTBI e como dialoga con asociacións, institucións para levar a cabo ese rol?

Como servizo con pretensión de ser chave no devir do barrio, o diálogo no pasado establecíase na medida das nosas propias posibilidades. As actividades organizadas dentro das Municipais Entenden baseábanse nos contactos personais ou na propia experiencia en colectivos. Dende hai un ano pasouse a contar coas bibliotecas como parte do plan integral de igualdade do Concello, algo que sen dúbida é moi positivo e que permite artellar diversas estratexias para combatir a LGTBi-fobia dentro da cidade. O Espazo Municipal das Divesidades Sexuais, que colabora con nós na realización de obradoiros para a mocidade.

 

Nelson e Gabriel As Municipais Entenden
Diego Maseda e Nelson Rodríguez, pais de As Municipais entenden

Que peso considerades que ten a cultura na igualdade e respecto ó colectivo LGTBI?

Peso de mamut. E a comparativa non é gratuíta, é á posibilidade de aplastar polo seu propio peso a invisibilización da que foi víctima o colectivo LGTBi durante moito tempo. Se ben algunhas veces as ofertas culturais poden soar decimonónicas (o tempo e o espazo LGTBi estrutúrase dun xeito especial e mutante con respecto ao normativo), apoiala é un deber máis moral que persoal. Calquera acto de visibilización alentado polas políticas Municipais supón un pulo para todas as persoas que necesitan sentir un apoio externo e por eso é bo establecer estruturas culturais LGTBi inclusivas. É moi lexítima e necesaria a reclamación de que a cultura teña en conta toda a diversidade sexual, e non só a heterosexual. Porque, se te paras a pensalo… a historia do cine é realmente a historia do cine? Ou, máis ben, a historia do cine heterosexual?

Que iniciativas promoveu As Municipais Entenden? Coido que este ano ides presentar un catálogo ampliado dos recursos existentes.

As municipais entenden” naceu na Biblioteca Ágora, froito dun traballo presencial, man a man. Hoxe xa é outra cousa: trabállase a nivel Rede de bibliotecas en colaboración coas asociacións e servizos municipais da cidade. Por exemplo, para este mes de xuño de 2017 cada biblioteca fixo unha selección de materiais LGTB para actualizar a súa colección e sacar todas as novidades durante todo o mes. Publicamos unha guía de materiais actualizada porque a anterior era do 2014.

Este ano editámola tamén en formato papel e repartirase gratuitamente tanto nas bibliotecas coma no Espazo das diversidades.

Un grandísimo logro desta iniciativa foi “adoptar” o club de lectura QUEERuña. Nós puxemos toooodos os recursos das bibliotecas á disposición dun club de temática tan específica como necesaria que viña complementar a iniciativa. Puxemos este club á altura de calquera outro e introducimos na Rede de bibliotecas públicas de Galicia un club de temática LGTB.  A mecha está encendida.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s