Boas, queeruñxs! Xa estamos coa nosa terceira lectura do curso, Ten o seu punto a fresca rosa, de María Xosé Queizán, viguesa do 39 e catedrática de Lingua e Literatura Galega. Hoxe imos falar da autora, unha das escritoras contemporáneas máis relevantes das letras galegas en case todos os xéneros literarias: novela, ensaio -de marcado carácter feminista-, poesía, teatro e cinema. Ademais, é columnista habitual de medios coma Praza Pública.
Entre os recoñecementos que obtivo na súa carreira, recibiu o Premio da Xunta de Galicia polo guión de cinema Prisciliano e quedou coma finalista do Premio Álvaro Cunqueiro pola obra teatral Antígona ou a forza do sangue. E falando de recoñecementos, en 2011 rexeitou entrar na Academia Galega da Lingua “por predominar o imaxinario masculino”.
Preocupada pola equidade de xénero, a maternidade, o mito do amor romántico e a visión androcéntrica na sociedade, Queizán participou activamente na discusión destas cuestións como codirectora do grupo teatral Feministas Independentes Galegas (FIGA) e como promotora da revista A festa da palabra silenciada.
Estas inquedanzas atópanse naturalmente reflectidas na súa obra, como xa estamos a comprobar na novela que temos entre mans -antepenúltimo libro en prosa da súa carreira ata o momento, por certo-. Desde logo, o papel da muller na sociedade e, sobre todo, unha revolucionaria visión da sexualidade nas nosas letras -especialmente no tratamento do lesbianismo e mesmo da transexualidade- serán puntos chave que tratemos no debate do vindeiro 20 de decembro. Será unha boa ocasión para debatir a relevancia dunha autora que de seguro moitxs temos estudado no currículo escolar.
Na vindeira semana, festivos mediantes, publicaremos un artigo sobre o contexto -e o porqué do título- de Ten o seu punto a fresca rosa, para, unha semana antes do encontro, publicar a nosa proposta de temas de cara ó debate -e cañas posteriores- do 20 de decembro. Lembra que podes seguir novidades de cultura LGTB no noso Twitter, onde xa estamos compartindo información sobre as representacións teatrais de temática LGTB que terán lugar nestes días na Queeruña. Vémonos na rede e nos teatros!