Boas, queeruñxs! Só falla unha semaniña e un día para o noso último encontro de 2017 para poñer en común a terceira lectura do curso: Ten o seu punto a fresca rosa, de María Xosé Queizán. Nestas semanas estivemos falando da autora e da novela, e agora toca propoñer unha serie de cuestións para fiar o noso debate do mes.
Tras o encontro do 20 de decembro ás 19h -e posterior caña de Nadal e bos desexos de comezo de ano- contaremos coa presenza da rapazada que leva o fanzine centrado en transexualidade Fight The Cis-Tem. Virán a coñecernos, falar do seu fanzine e compartir a súa visión de cara a nosa vindeira lectura: El bebé verde.
- Cantas protagonistas considerades que hai na obra? Maria Xosé Queizán preséntanos a tres, pero, non semella que hai máis mulleres con moita voz propia na novela?
- Cal é a visión do lesbianismo que tiramos? Pensades que é singular o tratamento da afectividade entre mulleres nesta novela, especialmente dentro da literatura galega?
- Que visión dos corpos,especialmente os femininos, nos achega Queizán?
- Como valorades os ideais de relación reflectidos na novela? Hai romances homosexuais e heterosexuais con altas doses de toxicidade…
- Mudaron algo as preocupacións sobre sexualidade, normas sociais ou visibilidade desde os anos oitenta -nos que está ambientada a novela- ata o día de hoxe?
Estas e outras preguntas terán contestacións diversas e enriquecedoras nuns días. Vémonos nas redes e na biblioteca do Ágora en oito días!