Boas, queeruñxs! Xa estamos a unha semana do noso encontro mensual para poñer en común Elisa e Marcela. Tras falar do autor e ofrecervos uns datos sobre o libro e todo o que provocou arredor del -filme, exposición, obra de teatro…-, toca citar algúns aspectos sobre os que podemos centrar a nosa conversa antes e despois das cañas de rigor. Velaquí van!
- Unha historia de baleiros: Narciso de Gabriel recreou a historia delas en base a moito traballo documental da prensa, pero o final das dúas namoradas semella en suspenso. Credes que o relato foi efectivamente así? Que opinades que ocorreu?
- Repercusión na prensa: a meirande parte do que coñecemos sobre Elisa e Marcela -e de feito, foi como Narciso de Gabriel deu coa súa existencia- é pola prensa. Que tratamento fixo a prensa española e portuguesa do caso?
- Tratamento xudicial: en paralelo ó xuízo social, houbo un procedemento claramente influído polo publicado nos xornais da época. Cal credes que foi a principal problemática pola que foron enviadas ó cárcere? Soamente a falsidade documental?
- Chaves interpretativas: Narciso de Gabriel dedica a segunda parte do libro a pormenorizar en que punto tiveron parte o hermafroditismo, o lesbianismo, o travestismo e o feminismo nesta historia de amor. Vos que pensades? Que teoría convence máis?
- Eh, agardade. É unha historia de amor realmente?
Lembrade, vémonos o mércores 21 ás 19h na biblioteca do Ágora para dar respostas e plantexar moitas máis preguntas! Deeeeica!