Boas, queeruñxs! Xa metidxs en plena efervescencia do Orgullo na Queeruña, e ademais das mostras de cultura LGTB que temos nas nosas queridas Bibliotecas Municipais, estamos en plena lectura de 22 segundos, obra de Eva Mejuto.

Desta vez, para preparar o encontro do vindeiro 20 de xullo ás 19h (lembrade, logo terá cea de bonus track) entrevistamos á autora desta novela que trata a experiencia dun adolescente transexual.

 

  • Como está sendo a acollida de 22 segundos? Recibiches comentarios por parte do colectivo trans galego?

A acollida está a ser moi boa. Pasou xusto un ano desde a súa publicación e van tres edicións, isto é pouco habitual na nosa literatura. E non só polo número de exemplares vendidos, foi finalista da Gala do Libro Galego como mellor obra xuvenil do 2017 e tivo tamén una ampla repercusión mediática. Mais sen dúbida o mellor é o espazo que ocupa nos centros de ensino galego; téñenme chamado de Santiago, Vigo, Pontevedra, Sanxenxo, Viana do Bolo, Pontedeume, Cee, Camariñas, Ribadeo, Xinzo de Limia, Gondomar…Que un libro que fale de transexualidade e teña presenza activa no eido escolar, e máis do ámbito rural, é sintomático de que algo está a cambiar, que había -hai- un espazo por encher.

Por parte dos colectivos tiven boas críticas, especialmente de Arelas. Tamén é certo que eu tiven durante todo o proceso de escrita o seu asesoramento e foron varios os mozos trans que o leron antes de publicalo. Para min era e é moi importante representar o colectivo (obviamente esta é una historia individual) con dignidade, con cariño, con respecto, e iso só é posible despois dun traballo de documentación, de falar con moitos mozos trans, de captar os seus sentires, as súas circunstancias, reivindicacións… O traballo de visibilización que están a facer é admirable e moi xeneroso.

  • Como decidiches tratar esta historia tan persoal? 

Levo uns vinte anos traballando arredor da literatura infantil e xuvenil galega e non é difícil percibir que hai temas absolutamente esquecidos. A diversidade sexual en xeral e a transexualidade en particular é unha das ausencias máis notables. 22 segundos naceu o texto dun álbum ilustrado, que naceu despois de ver o documental El sexo sentido. Mais a medida que me fun metendo no tema vin que era o público adolescente o que tiña máis necesidade, ao meu modo de ver, de ter nas mans libros que lles achegaran a cuestión da identidade de xénero. Entendín que o mellor modo de facelo era desde a empatía, de aí que o libro estea en primeira persoa e sempre desde unha óptica afectiva, humana. Gústame pensar que a rapazada que o le consigue ver, pensar, ser… Álex por un momento e entender a diversidade na súa propia pel.

Eva Mejuto 22 segundos

  • Inspirácheste nalgunha historia en particular para relatar a transición de Álex?

Un dos mozos que entrevistei para a obra é Marcos Ceive, un rapaz de Cangas. Fixémonos amigos a raíz da obra. El compartiu comigo a súa vida, nun acto de xenerosidade inmensa. Boa parte do que se conta no libro son anécdotas da súa vida, outras están tomadas dos testemuños de rapaces das canles FTM de Youtube que seguín durante máis dun ano, outras experiencias son da miña propia vida e outras, inventadas. En todo caso, a transición de Álex está aínda por contar, forma parte dun proxecto no que Marcos e máis eu estamos traballando…

  • Foi positiva a acollida por parte dunha editorial de renome como Xerais?

Desde o primeiro momento, si. Sen o seu apoio, sería imposible que a obra saíse á luz. Manuel Bragado confesoume que hai tempo recibiran un texto que falaba do tema pero que non se atreveran a publicalo. Hai uns días presentaron Fóra do normal de María Reimóndez, tamén na colección xuvenil Fóra de Xogo e no prelo teñen unha obra infantil que tamén trata a transexualidade.

  • Pensas que debe existir máis literatura sobre diversidade sexual en galego?

Por suposto! Moita máis! Como comentei, están a saír obras mais cómpre termos un corpus que visibilice, que lle poña nome ás cousas, que axude a ter referentes para a cidadanía, especialmente para a infancia e a mocidade. A literatura, especialmente nas primeiras idades, axuda a construír a propia identidade, a coñecer o mundo, a entendelo e, ademais, a ter conciencia crítica para TRANSformalo.

3 thoughts on “Entrevista a Eva Mejuto, autora de “22 segundos”

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s