Ola, queeruñxs! Como levades os 28º que marcan os mercurios ás 12h dun 28 de maio coma hoxe?
Estamos a 7 días do próximo “encontro” en zoom e imos deixar por aquí unha proposta de temas para o debate sobre a primeira lectura que facemos en dixital a través da plataforma de préstamo de libro electrónico galega, Galiciale: A cabeza de Medusa, de Marilar Aleixandre.
Publicada no ano 2008 foi gañadora da 10ª edición do concurso Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil 2008, e do Premio The Withe Ravens (Internationale Jugend Bibliothek) no 2009 e Premio Frei Martín Sarmiento no 2010.
A autora recolle no epílogo que conta a historia con personaxes ficticias, mais que dúas rapazas doblemente violadas existiron nun instituto no que exerceu a docencia. Moitas máis Lupes e Sofías existen e máis necesarias son obras coma esta.
https://platform.twitter.com/widgets.jsGrazas! Espero que vos interese esta historia da violación social que acompaña á física, e de como facer fronte á vergonza https://t.co/ID2kmaZXCL
— Marilar Aleixandre (@MarilarAleix) May 15, 2020
Sabendo que o mollo da historia dá moito de si, poñemos enriba da mesa estas cuestións:
- Sofía, que exixe para si o que é dela, e Lupe, que abandona e logo retoma a demanda con forza. Son dúas evolucións distintas que poñen de manifesto a importancia do acompañamento e dos coidados, do amor e da amizade, mais tamén o que nos di a autora en twitter: como facer fronte á vergonza.
- o papel dos medios de comunicación e a importancia da linguaxe: de como as novas nos xornais evolucionan de “presunto agresor” a “presuntamente agredida“; ou de como o foco se vai movendo dun lado ao outro ata acabar cuestionando as vítimas e facéndoas responsables do que lles acontece, como se fose o seu castigo merecido;
- as masculinidades: Mauricio e Artur representan, quizás, dúas contrapostas. Ao longo de toda a historia só unha personaxe masculina lle fai fronte á toxicidade de quen acusa á vítima. Rubén, aínda que con comparacións a chiscos desafortunadas, é claramente un aliado. E Vicenzo, que é Vicenzo?
Creo que hai dúas violancións. Unha física e outra simbólica, entendes? Unha é a agresión ao teu corpo. Sei que foi arrepiante mais, sen a carga simbolica que lle atribúe a sociedade, non debería preocuparte máis que… que se che atropelasen un pé cunha moto.
Rubén, a Sofía
- as nais e os pais: a nai do violador alíñase coas nais e pais das violadas mediante unha carta na que pide o seu perdón (o dela) e se manifesta solidaria coas rapazas, e non co seu fillo. O pai do violador quere comprar o silencio. Que credes que faría o pai de Lupe se recibe esta oferta?
- o consello escolar con profesorado e nais e pais que reflicten ben a sociedade e o permanente desculpar ás vítimas (homes) das violencias ás que están sometidos: o poder das temidas minisaias. Sería hoxe distinto?
- o estigma social: Jessica é a personaxe estigmatizada por vivir nunha casa de acollida e, vaia, resulta ser a vítima da terceira violación presentada no relato, aínda que fora a primeira en ter sucedido.
- o simbolismo do que fala Rubén: segue sendo o mesmo hoxe, 12 anos despois? Fixo isto un percorrido similar ás denuncias por malos tratos tal e como lle comenta Elvira a Sofía?
Hai vinte anos case ningunha muller denunciaba os malos tratos. Se llo contaba á familia diríanlle que era normal. (…) Afortunadamente as cousas mudaron bastante nestes vinte anos.
Elvira, a Sofía
Quedounos algo? Podes propoñer outras cuestións para o debate!
https://platform.twitter.com/widgets.jsPreguntas moi interesantes. Comentarei unha cousa: o que ocorre no consello escolar con profes e nais e pais apoiando o acosador, reflicte o que ocorreu no caso real que inspirou a historia; creo que hoxe, moitos anos despois, sería diferente
— Marilar Aleixandre (@MarilarAleix) May 28, 2020
One thought on “Propostas de debate para “A cabeza de Medusa””