Hoxe o Grindr Bibliotecario actívase ca obra “Veintitantos problemas”, do autor pontevedrés Álvaro Domínguez, gañadora do Premio de Novela Tandaia no ano 2017. Esta é a historia de tres amigos de vintetantos anos que senten que a vida se lles ven grande ao darse conta de que a etapa universitaria chega á súa fin.

Saúl leva un ano a traballar, Mario acaba de se licenciar e Ángel está no último curso. Os tres fixeron amizade en Santiago de Compostela, mais os anos da universidade están a piques de rematar e o que parecía unilos comeza a se volver na súa contra. Ángel fuxiu da casa do seu pai para evitar enfrontar os seus medos. Pola mesma razón, Mario deixou de lado a todos, incluída a súa mellor amiga, para se agochar tras o seu novo noivo. No piso que compartían os tres agora solo queda Saúl, quen non recibe máis visitas que as dos seus amoríos ocasionais e a súa criticadora irmá maior.

Álvaro Domínguez (Pontevedra, 1986), licenciado en historia da arte pola Universidade de Santiago de Compostela, é escritor, tradutor e profesor, mais tamén traballou no sector editorial e estudou o Máster en edición “Taller de Libros” da Universidade Autónoma de Madrid. Aínda que comezou a escribir moi cedo tardou varios anos en decidirse a facer públicos os seus escritos. Primeiro publicou en portais dixitais como Amateurs Hotel, The Barcelona Review ou La Cueva del Erizo. No ano 2014 o seu relato “No te levantes” aparece no libro “Lo que no se dice”, unha recompilación de narracións sobre os prexuízos homófobos e machistas nalgunhas institucións da sociedade española, publicada pola Editorial Dosbigotes. Repetirá editorial e formato no ano 2019 co relato “La pareja”, incluído na recompilación “Asalto a Oz”. “Veintitantos problemas”, publicada por Tandaia no ano 2017, é a súa primeira novela.

Os protagonistas desta novela son tres amigos de vinte e tantos anos que se atopan nese momento intermedio entre a adolescencia e a idade adulta. Xa rematan a universidade, deixan de ser estudantes, pero aínda non se senten adultos capaces de asumir responsabilidades. A década dos vinte anos é unha época de cambios e transición, na que á inestabilidade laboral que se atopan os mozos ao rematar os estudos súmanselle o desconcerto e a preocupación ante un futuro incerto, o desencanto e a nostalxia polo pasado. Nun grupo de amigos cada un vai escollendo o seu propio camiño, laboral e sentimental, e moitas veces isto supón un distanciamento. Nesta situación atópanse Ángel, Mario e Saúl: mellores amigos e compañeiros de piso que se refuxian en si mesmos (e no caso de Mario, na súa parella) para lidar cos seus problemas persoais, afastándose entre eles cada vez máis.

Para Álvaro Domínguez esa década dos vinte anos tivo moita importancia. Tanta que tivo un blog chamado “Vida a los 20”, unha especie de diario persoal que comezou a escribir pola necesidade de compartir os seus textos con xente fora do seu círculo máis próximo. Gustáballe recibir opinións para poder ir mellorando como escritor, e por iso pasou de ser un diario a ser o relato da vida con vinte e pico anos a través das súas propias experiencias durante esa época. O blog, que aínda que leva anos en desuso pódese consultar nesta ligazón, é un reflexo de si mesmo.

Se activamos o noso Grindr Bibliotecario con “Veintitantos problemas” aparecen varias novelas cuxos protagonistas son rapaces e rapazas homosexuais a medio camiño entre a adolescencia e a idade adulta, que andan a construír a súa propia identidade e buscar o seu lugar no mundo:

Para poder confirmar o teu match con estas obras podes premer nos títulos do listado e ver a sinopse, localización e dispoñibilidade.

Boa lectura!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s