La hija del huracán, de Kacen Callender, en Grindr

A protagonista da historia é unha rapaza de 12 anos, Caroline Murphy, que vive no arquipélago das Illas Virxes. Caroline vive co seu pai nunha illa, Water Island, na que son os únicos veciños e a súa conexión con Santo Tomás, a illa onde fan vida social, é un ferry e a lancha do señor Lochana, ademais da barquiña do pai que está a maior parte do tempo varada na praia. Nese escenario, Caroline debe lidar coas nenas da escola e a súa profesora, que a desprezan por considerala “demasiado negra”, a ausencia do pai que pasa o día no traballo, e o abandono da nai, que un día desapareceu sen máis explicacións e a que Caroline desexa atopar con todas as súas forzas, xunto coa visión esporádica do espírito dunha muller, feito que sempre a inqueda. Ata que un día chega unha alumna nova, Kalinda, e a súa vida dará un envorco.

Con semellante caldo de cultivo, Kacen Kallender, persoa trans oriúnda e amante das Illas Virxes, constrúe unha historia robusta e atractiva en base a motores literarios clásicos trasladados a xeografías que nos resultan exóticas.

Así, revivimos o tropo da ausencia da figura paterna (materna neste caso) e o anhelo de atopala, presente na literatura desde que Telémaco buscou a Ulises, que será o eixo central sobre o que rote a historia, pero do que xurdirán outros aspectos que enriquecerán a trama:

  • A illa onde habita como personificación da propia Caroline e a súa vida interior e, de xeito inverso, Caroline como a encarnación do imaxinario caribeño, co seu nacemento marabilloso e a constante presenza do sobrenatural ao seu arredor, así como o racismo e a vivencia da negritude na vida social, tanto na illa de Santo Tomás como dentro das paredes da escola.
  • O ecosistema escolar, con particularidades propias de escolas femininas (e católica, neste caso) como fermento do amor homosexual, e con características comúns á maioría de escolas secundarias como o acoso e o bullying dunha parte do alumnado (e aquí tamén do profesorado) a outra; ou o mentor magnánimo encarnado na figura da directora e que nos resulta familiar a quen limos Harry Potter ou as novelas de internados de Enid Blyton.
    • As novelas de internados de Enid Blyton merecen o seu oco aquí, porque nelas están presente de xeito continuo as “amizades exclusivas”, que lembran sen rubor ningún relacións de parella entre mulleres, con celos incluídos, e que a escritora Diana Gutiérrez analiza polo miúdo no seu post “El género de internados, entre la diversión juvenil y la deconstrucción”, para absoluto desfrute de quen gozamos con eles na nosa nenez e adolescencia.
  • O coidado da saúde mental e as diversidades, temas que aparecen con certa tanxencialidade no relato pero case imprescindibles na literatura dos nosos días.
  • A metaliteratura, un aspecto que de xeito persoal me resulta fascinante e que se recolle nunha conversa que ten lugar entre Caroline e Kalinda.

Xa temos, logo, cubertos os datos persoais do libro e ao pinchar no match aparecen unha serie de gorentosas conexións. A non perder!

Eis os títulos da imaxe:

E, coma sempre, para atopar máis conexións con La hija del huracán non deixes de visitar o noso catálogo!

“Sangue 12”, de Cris Pavón, no Grindr

É o libro de Cris Pavón un dos poucos exemplos que podemos atopar de literatura vampírica galaica e, se ninguén o rebate, a primeira novela do tema en galego. Antes disto, Emilia Pardo Bazán escribira o relato “Vampiro” (en castelán, abofé), en 1901, e, xa en lingua galega, Castelao amenta a figura dun vampiro (cacique en vida) no relato “Un ollo de vidro” (1922). Entre a historia de Pardo Bazán e a de Cris Pavón, ambientada xa nas modernidades do século XXI, media máis dun século. Como median tamén entre as distintas páxinas de Sangue 12, que cronoloxicamente veñen e van entre o presente (primeiros anos do século XXI) ata un difuso pasado dous centos de anos atrás.

A protagonista do noso libro é unha vampira de aspecto anenado engaiolada cos efluvios da menstruación dunha rapariga, á que comeza a axexar. A partir de aí, a trama vaise enredando arredor da relación que xurde entre ambas as dúas, vampira ancorada nunha incipiente puberdade, e adolescente, e un cóctel temático no que por veces a autora pasa de puntas e por veces profunda onde nos ofrece un pouco de todo, co descubrimento da propia identidade como base principal.

Ademais dese, vanse alternando un feixe de ingredientes que ás veces non se perciben con claridade pero que permiten que a obra poida interesar a diferentes tipos de amantes da lectura e que permitirán abrir o abano de libros a matchear tras este se che gustou o que liches nel.


Características tradicionais dos vampiros.Características da protagonista de “Sangue 12”.
Pel pálida e caeiros.Só se menciona a súa pel pálida.
Consumo de sangue doutras persoas mediante a agresión física.Consumo de sangue en bolsas médicas, malia afirmar que no pasado consumíaa de forma directa das vítimas.
Descanso diurno en cadaleitos.Cóntase que “esperta” tras un longo tempo, pero que non ten necesidade biolóxica de durmir, e non aparecen cadaleitos por ningures.
Presenza dun “criado” que adoita protexer polo día ao seu “amo” coa esperanza de ser “convertido”.Presenza dunha “criada” que semella aceptar a condición da protagonista sen facer preguntas, a señora Lansbury.
Problemas coa luz do sol.Non semella ter problemas coa luz do sol.
Gran número de poderes sobrenaturais, incluída a (case) inmortalidade e non avellentamento.Posúe un só poder sobrenatural (influencia onírica) ademais da (case) inmortalidade e non avellentamento.
O vampiro só entra na casa dunha persoa se esta o convida.Malia xogar con ese estereotipo, parece que aquí o adaptan máis ao consentemento na relación sexual.
A conversión ao estado vampírico adoita ocorrer tras ser trabado por un.Non se resolve o enigma da conversión da protagonista en vampira, malia dar pistas que a vencellan con algún tipo de abuso sexual incestuoso.

Están nas páxinas de Sangue 12 , ademais da polisemia desa cifra inserida no título (12 anos, doce sabor, un sangue especial), a síndrome de Peter Pan e os abusos infantís, a menstruación como símbolo de transición e esa idade fronteiriza entre nenez e adultez que é a adolescencia, coa exploración sexual tanto no acto en si como na aceptación normalizada dunha identidade e unha orientación propias, neste caso lesbianismo, e tamén como símbolo que preconiza o avance das etapas da vida ata caer na inevitabilidade da morte, a literatura gótica e o The raven de Edgar A. Poe, co seu corvo sinistro sinalando a parte escura da vida, Nevermore, nevermore, o ano sen verán, o grand tour dos aristócratas por Europa, as guerras napoleónicas, Villa Diodati, lord Byron e Polidori e os Shelley, Frankenstein, Ada Lovelace, a máquina analítica de Babagge, o mito de Prometeo e a rebelión das máquinas, a ciencia ficción (nos pesadelos de Ada Lovelace) no limbo da fantasía (afirmada nos poderes sobrenaturais da vampira), e ata a tentación do consumo de drogas. Alguén da máis?

Con tanta diversidade temática, van aquí títulos que prenderon o pilotiño verde ao encaixar nalgunha chaveta coa devandita novela Sangue 12. Activamos o Grindr bibliotecario!

Match co vampirismo en feminino e seres sobrenaturais movéndose na ambigüidade

Match con adolescentes que exploran a súa sexualidade desde o lesbianismo

Match co ano sen verán que esporeou a creatividade no círculo de Polidori e compaña

Match con Ada Lovelace e a rebelión das máquinas

Por se estes títulos non abondasen, lembra que podes atopar máis no noso catálogo, o querido Cascarilleiro!

“Unha primavera para Aldara”, de Teresa Moure, en Grindr

Eu viña aquí a falar do libro Besta do seu sangue, de Emma Pedreira, de lobishomes e violencias, e, non obstante, o azar dos clubs de lectura tróuxome a estoutro relato, Unha primavera para Aldara, de Teresa Moure, e o tema virou ou, se cadra, non tanto. A ambigüidade estaba presente en Besta do seu sangue e está presente tamén en Unha primavera para Aldara, onde as mulleres visten pel de lobo ou atavíos de varón, e así van pola vida, arrepiando ou namorando a outras tantas mulleres. No medio, supersticións, crenzas irracionais, ou non tanto, e vida consagrada ao sangue derramado.

Como se vería no Grindr "Unha primavera para Aldara"
Visto así, no noso particular Grindr bibliotecario, “Unha primavera para Aldara” vai sumando atractivos…

A vida monacal ou conventual presente en Unha primavera para Aldara sempre nos atrae polo que ten de segredo e de misterio, portas pechadas cuxo limiar só traspasan as iniciadas. Son as portas dun convento as dun enorme armario? Se a ese ingrediente engadimos o do valor estratéxico, o de gonso da historia, neste caso da historia galaica, con esas guerras irmandiñas de pano de fondo, teremos un prato ben nutrinte e condimentando, gorentoso e suxestivo. Penso outra vez en Historia del rey transparente, de Rosa Montero, pero como xa coñecemos a Leola da súa relación no Grindr bibliotecario con Berenice e compaña (Palabra de bruxa), miro máis alá, e vexo outras moitas relacións posibles.

Logo do Grindr Bibliotecario
Que relacións amosará nesta ocasión o Grindr bibliotecario?

Velaquí que chega a Aldara a amosarnos os miolos do que pinta que podería ser, como suxerimos, un enorme armario: os conventos e mosteiros. Alén diso, son habituais as historias onde unha muller debe adoptar a aparencia dun home e travestirse para saír adiante (personaxes dese estilo hainos na literatura clásica, como podería ser a Rosaura de La vida es sueño, e tamén na literatura moderna, como o exemplo anterior de Historia del rey transparente, ou mesmo no cinema, para mostra, a película afgá Osama ou a arquicoñecida Mulán). Ata onde chegan os brazos do travestismo na literatura? E ata onde o escándalo das relixiosas nos libros? Conflúen nalgures máis alá de todas as primaveras de Aldara?

Collage de Grindr bibiotecario sobre "Unha primavera para Aldara"

Os pilotiños verdes deste noso novo Grindr bibliotecario indican que si, que hai confluencias…

Desfrutade estes descubrimentos que podedes atopar sen máis demora nas Bibliotecas Municipais da Coruña! Velaquí o listado completo de suxestións:

“Palabra de bruxa”, de Andrea Barreira, en Grindr

A través de Berenice e das súas irmás de aquelarre procuraremos outras lecturas que estean pretiño delas, aconchegándonos a páxinas co pilotiño verde de conectadas na veciñanza destas bruxas nun literario Grindr. Mais… o que é unha bruxa para ti?

Fragmento do Grindr bibliotecario
En que perfil picaremos? Como filtrar estes encontros literarios fortuitos?

En tempos, para a sociedade, as bruxas eran seres endemoñados, mulleres posuídas polo Maligno, como ben reflicte a Andrea. Máis chegados ao presente, no século XIX, presentábanas como seres enfermos, mulleres posuídas pola enfermidade da histeria. En calquera caso, susceptibles de acalar e de guiar de volta ao rego do patriarcado.

Aínda que non fai falta ser bruxa para que queiran acalarte. Abonda con brillar un pouco. Pode ser o matrimonio, como foi a inquisición, un mecanismo represor desde o que exercer a violencia contra as mulleres? Quizais aquí debamos empregar misoxinia como palabra clave en oposición á chegada do apoderamento da muller. Aínda que tampouco hai que esquecer que nalgúns relatos as bruxas son exemplo de feminidade total e de ideal romántico. [O que, por outra banda, e sempre na miña opinión persoal, poida ser outro xeito máis elaborado de misoxinia, pero ese é outro debate que debe ser abordado noutra ocasión]. Por veces, simplemente, aprovéitase a atracción que as bruxas exercen no imaxinario colectivo como cebo para a lectura, sen que o relato teña demasiado que ver con elas… Por sorte, o Grindr bibliotecario pode axudarnos a afinar o que buscamos. Bruxas…

Un Grindr bibliotecario
Chegaremos a dar coas lecturas máis atinadas grazas ao Grindr bibliotecario?

Hoxe en día, a nosa idea das bruxas foi mudando tamén e, como Andrea Barreira as presenta en Palabra de bruxa, asimilámolas a miúdo con mulleres libres en todas as facetas vitais, incluída a sexual, non encarceradas polo esquema social do momento. Por iso, ás veces podemos preguntarnos quen serían esas bruxas de hoxe, libres, sabias, que loitan polo ben común, e que son insultadas, xulgadas ou maltratadas por iso? Talvez unha Greta Thunberg ou unha Malala Yousafzai. Mulleres que corren cos lobos e oulean a súa inconformidade co rol que lles asignaron ao nacer, mulleres que non temen alzar as gadoupas e rachar con el.

"Palabra de bruxa" en Grindr
Ao parecer, isto xa vai tomando forma…

Como vedes hai moitos libros susceptibles de achegarse a nós neste grindr, e nas bibliotecas municipais da Coruña seleccionamos algúns dos que están máis preto para que poidades saber máis sobre bruxas, en toda a súa complexidade, e mulleres que romperon moldes e foron sinaladas por iso. Non perdades ningún!

Eis o noso Grindr bibliotecario relacionado co libro Palabra de bruxa, de Andrea Barreira!