O derradeiro libro de Emma Olsen

A novela de Berta Dávila, O derradeiro libro de Emma Olsen, foi premiada en 2013 co VII Premio de Narrativa Breve Repsol. A autora, volveu gañar este mesmo premio en 2020 coa obra Illa Decepción. Este é un dos premios de literatura galega que nos da a coñecer novelas breves e intensas, con forte carga emocional e totalmente imprescindibles.

O derradeiro libro de Emma Olsen foi recentamente reinterpretado por Pablo Prado na banda deseñada publicada por Galaxia en 2020.

Con esta novela, Berta Dávila gañou o Premio Guillermo de Basquerville en 2015 como mellor obra independente. Con este galardón recoñécese á autora prometedora na que se convirteu Berta Dávila e valórase a súa experiencia para condensar na narrativa breve unha grande historia.

Ás veces os premios traennos novelas que doutro xeito non recaerían nas nosas mans. Ás veces os premios, que parecen máis pequenos, sorpréndenos e convídannos a explorar novas maneiras de contar. É por isto que o Narrativa Breve de Repsol merece un minuto do noso tempo.

En 2019 Gonzalo Hermo, coñecido polo seu poemario Celebración (Premio Nacional Poesía Joven 2014) leva o premio con Diario dun Enterro, a súa primeira novela.

En 2018 Antón Lopo gáñao cunha novela dura e irreverente que leva por título Extraordinario.

É por isto que é recomendable ter este galardón presente na disxuntiva á hora de escoller lectura.

Nas Bibliotecas Municipais de A Coruña contamos con todos estes títulos e figuran a disposición do usuario para o préstamo.

  • 2017

O Grindr Bibliotecario desta volta, versa sobre os títulos premiados do Narrativa Breve de Repsol.

NON TES MÁIS QUE CONTO (DIVERSO)

Neste 2020 a editorial Kalandraka volveu editar o libro Oliver Button é unha nena, de Tomie de Paola. Para quen non o coñeza, este autor e ilustrador é un americano cuxo particular estilo para traballar a liña, a cor e o deseño lle permiteu obter importantes premios como o Caldecott Honor Award, o Smithsonian Medal e o Regina Medal, entre outros. En 1990, foi nominado como ilustrador, pola sección estadounidense do IBBY, para o Premio Hans Christian Andersen, que é para a literatura infantil un dos máximos galardóns.


Tomie de Paola fixo algo moito máis importante ca todo isto, que foi escribir un conto dende a emoción, dende a sensibilidade e dende a empatía. Volcou os recordos da súa infancia e transformou a incomprensión en esperanza.


E isto é o que chega directamente ao corazón das nosas crianzas.


Oliver Button es una nena publicouse por primeira vez en 1979. Mirade se non cambiaron os nenos e as nenas… Sen embargo, se probades a contalo hoxe en día teredes de fronte a un neno ou a unha nena querendo subirse a ese tren. Porque este conto permite que se identifiquen co protagonista na súa experiencia vital, permite ser Oliver na procura da súa felicidade sen importarlle en absoluto o que os demais pensen.


Claro que o conto fala de intolerancia, claro que fala de humillación, de discriminación e de xénero, pero non o conta así. Porque esa non é a linguaxe da infancia, as etiquetas veñen máis tarde, as crianzas perciben todo o que os adultos etiquetamos a través da emoción e do sentimento impregnado na historia.

É certo que ás veces necesitamos un conto para explicar, que nos axude a presentarlle ao neno ou nena unha situación, ou que nos facilite compartir unha experiencia con eles. Exemplos disto son: Con Tango son tres, Ahora me llamo Luisa ou Roi quere ser mamá…pero crédeme que se pasan á historia será só por seren os primeiros (en falar diso).
Hai outros moitos contos diversos que, pola súa natureza, son transversais e representan a todo tipo de persoas, incluso ás máis pequenas. Polo de agora parece que un se identificará mellor canta máis marxe deixe a historia.


Monstruo Rosa de Olga de Dios, Sirenas de Jessica Love, Families, families, families de Suzanne Lang, El amor de todos los colores de Lucía Moreno Velo…


Tanto uns coma outros están nas Bibliotecas Municipais de A Coruña, porque é unha responsabilidade pública proporcionar ferramentas á infancia, para que da man das súas familias dsenvolvan un espíritu crítico ante a vida futura.

E nós, os bibliotecarios e bibliotecarias témolo claro, incluíndo todos estes contos nas nosas coleccións avanzamos cara á mellora, pois as bibliotecas son de raíz, axentes transformadoras da sociedade.