Se che gustou tal libro quizás che guste estoutre. Esta é a filosofía desta sección, onde che recomendaremos outras lecturas que están próximas ao libro de cada sesión e sempre, sempre serán libros dispoñibles na Rede de bibliotecas municipais da Coruña.
“A defunción dos sexos” é unha obra que fai un percorrido polas vidas de persoas que viviron en Galicia e que tiverón que sufrir a persecución ou a represión debido as suas orientacións sexuais. O libro non só trata esta realidade que viviron estas persoas dende o siglo pasado ata actualidade, senón que fai fincapé tamén en todos os movementos que houbo en Galicia para que a orientación sexual destas persoas non volvera a ser perseguida nin reprimida.
A súa autora Daniela Ferrández Pérez é Doutora en Historia cuxa obra está moi vinculada co colectivo LGTBI+, destacando libros colectivos coma “Historiar o trans” ou publicacións en revistas científicas coma o artigo ““O impacto da crise sanitaria nxs menores e adolescentes trans”. Ademais é un persoa fortemente vinculada co momevemento LGTBI+.
O título desta obra fai referencia a un artigo do periodista de Antonio Zoraya publicado no ano 1921, no que menciona que “a dexeneración da moral, o traspaso desa liña, non era outra cousa que a defunción dos sexos”, sentencia que ilustra o pensamento da sociedade galega naquela época. A obra fai un percorrido histórico sobre a desidencia sexual en Galicia, dunha forma amena aportando diferentes documentos arquivísticos e periodísticos que axudan a comprender a realidade que tiñan que vivir as persoas LGTBI+ no pasado en Galicia.
En función das características deste libro o noso Grindr bibliotecario atopou os seguintes matchs. Botadelles un ollo, quizais algun deles convertase no voso próximo libro favorito 😉
A continuación, os títulos dos libros recomendados, para que vos sexa máis sinxelo atopalos.
“Corres como una niña: el género y la diversidad LGTBI en el deporte” é un ensaio no que se desmontan varios estereotipos de xénero moi arraigados no mundo do deporte. Algúns destes esteorotipos van dende crenzas de que hai deportes para homes e deportes para mulleres, ou que de dependendo da súa orientación sexual unha persoa pode ser mellor ou peor na práctica dun deporte.
Ao longo deste libro o seu autor David Guerrero desmentirá estos estereotipos a través de diversas entrevistas que realizou con deportistas que tiveron que facer fronte a estos clichés, entre eles encontramos deportistas coma Pau Ribes, Alba Palacios, Víctor Gutierrez, Sara Pelaez, María José Martínez Patiño ou Paloma Río.
David Guerrero é un activista en defensa da igualdade, ademais de ser o presidente da asociación “Deporte y Diversidad” e asesor na “Real Federación Española de Atletismo” e na “Fundación Pedro Zerolo” en temas de igualdade de xénero. Nesta obra trata estos temas dunha forma moi dinámica que fai deste libro unha lectura entretida e a vez moi instructiva, tratando temas tan en boga na actualidade como a suposta superioridade dos deportistas transexuais ou a segregación do deporte por xénero. Ademais contén un glosario é un directorio de entidades deportivas LTBI inclusivas, que facilitan unha información extra as persoas que queiran profundizar neste tema.
O noso Grindr bibliotecario os seguintes matchs, dadelles unha oportunidade!! 😉
A continuación o listado de libros recomendados para que non vos perdades ningún título.
“Tengo miedo torero” foi a primeira novela publicada por Pedro Lemebel, nela relata a relación de duas persoas que se coñecen nunha vivenda ruinosa onde organizanse reunións clandestinas para derrocar a Augusto Pinochet. A planificación do atentado contra o dictador e a relación entre o dono da casa e un rapaz do Frente Patriótico Nacional, van a par do día a día da vida de o dictador Pinochet e a súa esposa Lucía, entremezclandose as súas vidas ao longo do libro.
A obra é de carácter autobiográfica segundo indica o autor nas primeiras páxinas desta novela. Nela describe a sociedade chilena nun momento crítico na súa historia, un momento de rebelión contra a dictadura de Pinochet, que non chegou a fructificar co intento de atentado frustado. Esta novela reflexa eses duros momentos vividos en Chile que separou moitas vidas.
O seu autor Pedro Lemebel moi vinculado co arte e a literatura, foi un opositor contra a dictadura de Pinochet, mostrando a súa repulsa contra o seu goberno a través da sabotaxe de moitos actos públicos. A súa obra moi relacionada co cine e o teatro, recibiu varias nominacións Altazor, sendo a máis importante nominación a do Premio Nacional de Literatura de Chile no ano 2013.
O noso Grindr Bibliotecario estableceu os seguintes matchs con este título. Non dubidedes en botarlles unha ollada 😉
A continuación, os títulos dos libros recomendados, para que vos sexa máis sinxelo atopalos.
“Eu quero construir un mundo coma o que coñecín. Un mundo salvaxe e libre onde o obxectivo na vida non sexa acumular nada, senón simplemente construir o benestar propio sen esmagar os demáis seres.“
Cantas citas e reflexións poderíamos compartir desta lectura…
Cobiza, gañadora do I Premio Pinto e Maragota á diversidade sexual e de xénero organizado polo Concello de Pontevedra e Xerais, é unha novela de ciencia ficción feminista, unha distopía que nos invita a reflexionar sobre o devenir dunha sociedade destruida por un progreso que non é tal, un avance tecnolóxico que non vai da man dunha verdadeira evolución do ser humano. Un cataclismo chamado a Gran Desconexión da paso a un mundo dividido entre os que posúen recursos e os que non (entre os Recunchos e as Capitais), onde a fertilidade convértese nunha moeda de cambio e unha forma máis de explotación das mulleres na promesa dunha vida mellor. Unha reflexión sobre o poder, as relacións humanas, o colonialismo, a escravitude, os roles de xénero e as identidades sexuais.
Pero, especialmente, Cobiza conecta cunha fonda visión ecofeminista da vida e do planeta que nos sustenta. Diría que esa é a cor de fondo de toda a novela. Unha denuncia a violación da Terra, os ecosistemas e as especies. Unha chamada tamén a recuperar o poder das devanceiras e do feminino na natureza. “Canto máis traballaba coa materia vexetal, máis entendía ate que punto as plantas e xa non digamos as árbores son seres sentintes e interconectados. A base da vida. ”
Seguindo este fío, estas son algunhas suxerencias de outros títulos de María Reimóndez que poderás atopar nas bibliotecas da rede:
E aquí van algunhas propostas de libros en sintonía coa temática de Cobiza, propostas que tocan cordas da ciencia ficción, da desigualdade social, da identidade e roles de xénero, da ecoloxía e o ecofeminismo… Cordas que tecen unha reflexión feminista e integral do mundo que habitamos.
Podes premer nos títulos que che interesen para ver a sinopse completa. Todos eles forman parte do Catálogo da Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña, onde podes consultar outros moitos títulos dispoñibles. Boa lectura!
“Eu querería un mundo onde as persoas entendesen dunha vez que están interconectadas non para explotarse, senón como están as árbores, sabes?“
A protagonista da historia é unha rapaza de 12 anos, Caroline Murphy, que vive no arquipélago das Illas Virxes. Caroline vive co seu pai nunha illa, Water Island, na que son os únicos veciños e a súa conexión con Santo Tomás, a illa onde fan vida social, é un ferry e a lancha do señor Lochana, ademais da barquiña do pai que está a maior parte do tempo varada na praia. Nese escenario, Caroline debe lidar coas nenas da escola e a súa profesora, que a desprezan por considerala “demasiado negra”, a ausencia do pai que pasa o día no traballo, e o abandono da nai, que un día desapareceu sen máis explicacións e a que Caroline desexa atopar con todas as súas forzas, xunto coa visión esporádica do espírito dunha muller, feito que sempre a inqueda. Ata que un día chega unha alumna nova, Kalinda, e a súa vida dará un envorco.
Con semellante caldo de cultivo, Kacen Kallender, persoa trans oriúnda e amante das Illas Virxes, constrúe unha historia robusta e atractiva en base a motores literarios clásicos trasladados a xeografías que nos resultan exóticas.
Así, revivimos o tropo da ausencia da figura paterna (materna neste caso) e o anhelo de atopala, presente na literatura desde que Telémaco buscou a Ulises, que será o eixo central sobre o que rote a historia, pero do que xurdirán outros aspectos que enriquecerán a trama:
A illa onde habita como personificación da propia Caroline e a súa vida interior e, de xeito inverso, Caroline como a encarnación do imaxinario caribeño, co seu nacemento marabilloso e a constante presenza do sobrenatural ao seu arredor, así como o racismo e a vivencia da negritude na vida social, tanto na illa de Santo Tomás como dentro das paredes da escola.
O ecosistema escolar, con particularidades propias de escolas femininas (e católica, neste caso) como fermento do amor homosexual, e con características comúns á maioría de escolas secundarias como o acoso e o bullying dunha parte do alumnado (e aquí tamén do profesorado) a outra; ou o mentor magnánimo encarnado na figura da directora e que nos resulta familiar a quen limos Harry Potter ou as novelas de internados de Enid Blyton.
As novelas de internados de Enid Blyton merecen o seu oco aquí, porque nelas están presente de xeito continuo as “amizades exclusivas”, que lembran sen rubor ningún relacións de parella entre mulleres, con celos incluídos, e que a escritora Diana Gutiérrez analiza polo miúdo no seu post “El género de internados, entre la diversión juvenil y la deconstrucción”, para absoluto desfrute de quen gozamos con eles na nosa nenez e adolescencia.
O coidado da saúde mental e as diversidades, temas que aparecen con certa tanxencialidade no relato pero case imprescindibles na literatura dos nosos días.
A metaliteratura, un aspecto que de xeito persoal me resulta fascinante e que se recolle nunha conversa que ten lugar entre Caroline e Kalinda.
Xa temos, logo, cubertos os datos persoais do libro e ao pinchar no match aparecen unha serie de gorentosas conexións. A non perder!
Hoxe o Grindr Bibliotecario actívase ca obra “Veintitantos problemas”, do autor pontevedrés Álvaro Domínguez, gañadora do Premio de Novela Tandaia no ano 2017. Esta é a historia de tres amigos de vintetantos anos que senten que a vida se lles ven grande ao darse conta de que a etapa universitaria chega á súa fin.
Saúl leva un ano a traballar, Mario acaba de se licenciar e Ángel está no último curso. Os tres fixeron amizade en Santiago de Compostela, mais os anos da universidade están a piques de rematar e o que parecía unilos comeza a se volver na súa contra. Ángel fuxiu da casa do seu pai para evitar enfrontar os seus medos. Pola mesma razón, Mario deixou de lado a todos, incluída a súa mellor amiga, para se agochar tras o seu novo noivo. No piso que compartían os tres agora solo queda Saúl, quen non recibe máis visitas que as dos seus amoríos ocasionais e a súa criticadora irmá maior.
Álvaro Domínguez (Pontevedra, 1986), licenciado en historia da arte pola Universidade de Santiago de Compostela, é escritor, tradutor e profesor, mais tamén traballou no sector editorial e estudou o Máster en edición “Taller de Libros” da Universidade Autónoma de Madrid. Aínda que comezou a escribir moi cedo tardou varios anos en decidirse a facer públicos os seus escritos. Primeiro publicou en portais dixitais como Amateurs Hotel, The Barcelona Review ou La Cueva del Erizo. No ano 2014 o seu relato “No te levantes” aparece no libro “Lo que no se dice”, unha recompilación de narracións sobre os prexuízos homófobos e machistas nalgunhas institucións da sociedade española, publicada pola Editorial Dosbigotes. Repetirá editorial e formato no ano 2019 co relato “La pareja”, incluído na recompilación “Asalto a Oz”. “Veintitantos problemas”, publicada por Tandaia no ano 2017, é a súa primeira novela.
Os protagonistas desta novela son tres amigos de vinte e tantos anos que se atopan nese momento intermedio entre a adolescencia e a idade adulta. Xa rematan a universidade, deixan de ser estudantes, pero aínda non se senten adultos capaces de asumir responsabilidades. A década dos vinte anos é unha época de cambios e transición, na que á inestabilidade laboral que se atopan os mozos ao rematar os estudos súmanselle o desconcerto e a preocupación ante un futuro incerto, o desencanto e a nostalxia polo pasado. Nun grupo de amigos cada un vai escollendo o seu propio camiño, laboral e sentimental, e moitas veces isto supón un distanciamento. Nesta situación atópanse Ángel, Mario e Saúl: mellores amigos e compañeiros de piso que se refuxian en si mesmos (e no caso de Mario, na súa parella) para lidar cos seus problemas persoais, afastándose entre eles cada vez máis.
Se activamos o noso Grindr Bibliotecario con “Veintitantos problemas” aparecen varias novelas cuxos protagonistas son rapaces e rapazas homosexuais a medio camiño entre a adolescencia e a idade adulta, que andan a construír a súa propia identidade e buscar o seu lugar no mundo:
Emma Pedreira aborda nesta novela a vida de Manuel Blanco Romasanta, unha das figuras máis rechamantes do imaxinario español. Romasanta, nado en Esgos (Ourense), viviu durante a primeira metade do Século XIX, e foi responsable de máis dunha ducia de crimes nos montes de Galicia e O Bierzo. De feito é considerado o primeiro asasino en serie da historia de España. Unha actividade criminal pola que foi condenado a morte e finalmente a raiña Isabel II conmutou o garrote pola cadea perpetua.
Na novela, penso que moi ben documentada e gañadora do Premio Xerais 2018, Pedreira pon de relevo a figura do sacaúntos galego dende unha perspectiva de xénero dando así unha volta de roda á historia oficial. Que Manuel Blanco Romasanta fose unha muller xa o apuntara o antropólogo Xosé Ramón Mariño e tamén quedou patente coa celebración das III Xornadas sobre Manuel Blanco Romasanta en Allariz no ano 2012, organizadas pola Fundación Vicente Risco.
Manuel ou Manuela, naceu branco e louro e a familia pensou que era unha nena: foi chamado, de feito, Manuela, ata que cumpriu 8 anos. O forense Fernando Serrulla apuntou a que Manuela ou Manuel sufría un estraño caso de pseudohermafroditismo, e aínda que tiña que ser muller segregaba unha enorme cantidade de andróxenos e podía presentar acusados rautos de violencia. Feito que contrastaba co súas delicadas labores “Cosía, bordaba, calcetaba. Cortaba traxes e vestidos. Era un ser doce, entrañable, amigo, sobre todo, das súas amigas” que moitas delas se converteron nas súas vítimas.
Dende logo a vida de Blanco Romasanta aparece ben artellada na novela, cun estilo narrativo que parece que bebe da condición de poeta da autora e que logra atrapar ao lector a medida que nos adentramos nos acontecementos. Home ou muller? o que si consegue Emma Pedreira ao longo das 114 páxinas da historia é que o lector viva case en primeira persoa a indefinición e por tanto a convivencia de ámbalas dúas condicións na figura de Manuel ou Manuela.
Polo tanto a curiosidade temática dende o punto de vista da intersexualidade activa o noso Grindr Bibliotecario de hoxe e fai match cos seguintes títulos:
Pero non esquecemos que Blanco Romasanta foi ademais o primeiro (e ata o de agora único) cidadán español diagnosticado de licantropía clínica, o que lle valeu o alcume de “home lobo galego”. Así que volvemos facer match coa licantropía e co mito de Blanco Romasanta:
Hoxe activamos o Grindr Bibliotecario cunha obra de teatro creada por Nee Barros Fernández (Ourense, 2002): “Identidade: a normalidade do non-común”, un libro que quere reivindicar que todo o que se sae do común tamén é normal, e que todas esas persoas socialmente minorizadas e discriminadas pola súa identidade de xénero son normais e precisan ter a mesma representación na literatura que teñen as persoas que entran dentro da normatividade. Todas as persoas somos diferentes e a diversidade da riqueza ao noso mundo.
Neste libro Zé, o protagonista, loita a contracorrente por construír a súa propia identidade. Coa complicidade dos seus amigos percorrerá un camiño no que moitas vendas negras que tapan os ollos e a alma da xente, representando o odio e o medo ás realidades descoñecidas, caerán ao chan. Rompendo todos os moldes, Zé será quen de amosarlle a todas as persoas que dá igual como te vexan os demais. O máis importante é como nos sentimos nós, ser quen queiramos ser e seguir sempre o que dite o noso corazón.
Nee Barros Fernández, coñecide nas redes como @neeumatiko, é escritore e youtubeire. Dende a súa canle de Youtube explica literatura galega para o alumnado de bacharelato, recomenda lecturas e, sobre todo, fai divulgación sobre temas relacionados co xénero e a realidade trans. Ademais, tamén é moi active en Twitter. Por se isto fora pouco, en ocasións toca nun grupo de música chamado Croalla. “Identidade” é a súa segunda obra, xa que a finais do ano 2020 publicou o libro de poemas “19 poemas para um virus-19”, escrito en galego reintegracionista e en linguaxe non binaria.
Nee Barros utiliza os pronomes neutros e a linguaxe non binaria, identificándose como “elu”, aínda que tamén use o masculino. Neste libro non emprega linguaxe non binaria porque quixo publicalo tal e como o escribiu cando solo tiña catorce anos e se atopaba no proceso de “saír do armario” como persoa trans. Poñer en palabras a súa propia experiencia na procura da súa identidade axudoulle a e entender o que lle estaba sucedendo, ademais de a sobrelevar mellor as situacións de opresión que sufriu nalgúns ámbitos da súa vida, xa que non todo o mundo o aceptou de igual maneira. Con este libro ademais quere que outras persoas que están a pasar pola mesma situación na actualidade teñan o referente que elu nunca tivo e saiban que non están soas.
Aínda que o libro non estea escrito nunha linguaxe inclusiva, si que podemos atopar un personaxe secundario na peza teatral que emprega o sistema “elu”, polo que podemos considerar que este libro é pioneiro no uso deste sistema dentro do mundo das publicacións en galego.
Nee decidiu que esta historia debía ter forma de peza de teatro, xa que considera que este é un xénero bastante esquecido sempre na literatura. Ademais decatouse de que o teatro estaba sempre dirixido a un público adultos ou en todo caso a un público infantil, quedando o xuvenil totalmente esquecido. Elu considera que este xénero é o que mellor pode conectar ca mocidade por ser o mais dinámico e directo, o que permite empatizar e reflexionar sobre a realidade sen estar dentro. Grazas á variedade de personaxes e a ausencia dunha voz narradora, a persoa lectora poderá identificarse con quen queira, enriquecéndose deste modo a lectura.
Activamos o noso Grindr Bibliotecario e atopamos varios títulos que nos invitan a pensar sobre a identidade de xénero mais alá do binarismo que rexe na sociedade actual:
É o libro de Cris Pavón un dos poucos exemplos que podemos atopar de literatura vampírica galaica e, se ninguén o rebate, a primeira novela do tema en galego. Antes disto, Emilia Pardo Bazán escribira o relato “Vampiro” (en castelán, abofé), en 1901, e, xa en lingua galega, Castelao amenta a figura dun vampiro (cacique en vida) no relato “Un ollo de vidro” (1922). Entre a historia de Pardo Bazán e a de Cris Pavón, ambientada xa nas modernidades do século XXI, media máis dun século. Como median tamén entre as distintas páxinas de Sangue 12, que cronoloxicamente veñen e van entre o presente (primeiros anos do século XXI) ata un difuso pasado dous centos de anos atrás.
A protagonista do noso libro é unha vampira de aspecto anenado engaiolada cos efluvios da menstruación dunha rapariga, á que comeza a axexar. A partir de aí, a trama vaise enredando arredor da relación que xurde entre ambas as dúas, vampira ancorada nunha incipiente puberdade, e adolescente, e un cóctel temático no que por veces a autora pasa de puntas e por veces profunda onde nos ofrece un pouco de todo, co descubrimento da propia identidade como base principal.
Ademais dese, vanse alternando un feixe de ingredientes que ás veces non se perciben con claridade pero que permiten que a obra poida interesar a diferentes tipos de amantes da lectura e que permitirán abrir o abano de libros a matchear tras este se che gustou o que liches nel.
Características tradicionais dos vampiros.
Características da protagonista de “Sangue 12”.
Pel pálida e caeiros.
Só se menciona a súa pel pálida.
Consumo de sangue doutras persoas mediante a agresión física.
Consumo de sangue en bolsas médicas, malia afirmar que no pasado consumíaa de forma directa das vítimas.
Descanso diurno en cadaleitos.
Cóntase que “esperta” tras un longo tempo, pero que non ten necesidade biolóxica de durmir, e non aparecen cadaleitos por ningures.
Presenza dun “criado” que adoita protexer polo día ao seu “amo” coa esperanza de ser “convertido”.
Presenza dunha “criada” que semella aceptar a condición da protagonista sen facer preguntas, a señora Lansbury.
Problemas coa luz do sol.
Non semella ter problemas coa luz do sol.
Gran número de poderes sobrenaturais, incluída a (case) inmortalidade e non avellentamento.
Posúe un só poder sobrenatural (influencia onírica) ademais da (case) inmortalidade e non avellentamento.
O vampiro só entra na casa dunha persoa se esta o convida.
Malia xogar con ese estereotipo, parece que aquí o adaptan máis ao consentemento na relación sexual.
A conversión ao estado vampírico adoita ocorrer tras ser trabado por un.
Non se resolve o enigma da conversión da protagonista en vampira, malia dar pistas que a vencellan con algún tipo de abuso sexual incestuoso.
Están nas páxinas de Sangue 12 , ademais da polisemia desa cifra inserida no título (12 anos, doce sabor, un sangue especial), a síndrome de Peter Pan e os abusos infantís, a menstruación como símbolo de transición e esa idade fronteiriza entre nenez e adultez que é a adolescencia, coa exploración sexual tanto no acto en si como na aceptación normalizada dunha identidade e unha orientación propias, neste caso lesbianismo, e tamén como símbolo que preconiza o avance das etapas da vida ata caer na inevitabilidade da morte, a literatura gótica e o The raven de Edgar A. Poe, co seu corvo sinistro sinalando a parte escura da vida, Nevermore, nevermore, o ano sen verán, o grand tour dos aristócratas por Europa, as guerras napoleónicas, Villa Diodati, lord Byron e Polidori e os Shelley, Frankenstein, Ada Lovelace, a máquina analítica de Babagge, o mito de Prometeo e a rebelión das máquinas, a ciencia ficción (nos pesadelos de Ada Lovelace) no limbo da fantasía (afirmada nos poderes sobrenaturais da vampira), e ata a tentación do consumo de drogas. Alguén da máis?
Con tanta diversidade temática, van aquí títulos que prenderon o pilotiño verde ao encaixar nalgunha chaveta coa devandita novela Sangue 12. Activamos o Grindr bibliotecario!
Match co vampirismo en feminino e seres sobrenaturais movéndose na ambigüidade
Hoxe no noso Grindr Bibliotecario presentámosche “Amigos e sodomitas: a configuración da homosexualidade na Idade Media”, un ensaio de Carlos Callón, político e profesor ribeirense, no que fala de que, a pesares do que se pode pensar inicialmente, nos primeiros mil anos de historia do Cristianismo as relacións homosexuais estaban desposuídas de calquera connotación negativa, e incluso estaban ben vistas pola sociedade. Isto durou ata a configuración do pecado-delito da sodomía, que trouxo consigo a intolerancia radical e a persecución das mesmas.
Publicado no ano 2011 pola editorial Sotelo Blanco, este ensaio en galego considérase un dos estudos mais interesantes sobre o homoerotismo medieval en terras hispánicas, e por iso foi galardoado co Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais e co Premio Fervenzas Literarias ao mellor ensaio no ano 2011. Carlos Callón analiza nel numerosos textos do trobadorismo galaico-portugués, pero tamén outros textos casteláns indispensables, para observar o claro contraste que houbo entre os mil primeiros anos do Catolicismo, nos que había unha gran aceptación das relacións sexoafectivas homoeróticas, e a total intolerancia e persecución que apareceu ca configuración do pecado de sodomía nos séculos XII a XIV.
A ausencia de represión das relacións homosexuais existente previamente vémola neste libro mediante, entre outros, un documento asinado o 16 de abril do ano 1061 na Parroquia de Santa María de Ordes (Concello de Rairiz de Veiga), no que se describe o pacto de convivencia no fogar e a repartición de bens de dous homes, Pedro Díaz e Muño Vandilaz. Isto demóstranos que nesa época houbo unións intermasculinas recoñecidas de maneira oficial.
Porén, todo mudou co pecado de sodomía imposto pola Igrexa católica a finais do século XI. A Igrexa clamou que a homosexualidade era o pecado contra natura, o cume da dexeneración. Chamouno sodomía, un pecado castigado con intensas torturas e pena de morte asegurada. A partires dese momento a igrexa católica comeza tamén a difundir a crenza de que as relacións sexoafectivas homoeróticas foran sempre vistas como pecado, e que o período de aceptación deste tipo de relacións, que agora podemos afirmar con certeza que sucedeu, nunca existiu na historia do cristianismo. Foi tal o intento de borrar esta parte da historia que na actualidade sábese que milleiros de documentos que testificaban estes feitos foron destruídos. É por isto que este pensamento intolerante que promoveu a Igrexa continúa ao longo do tempo, e non fai tantos anos que se empezou a rebater esta idea e a afondar no tema. Esta obra difunde e axuda a comprender a verdade do que sucedeu. Como di o propio autor, neste estudo intenta divulgar a realidade da historia da sexualidade, acotío falsificada, igual que a historia do noso país.
Tamén resalta Carlos Callón a completa invisibilidade das relacións entre mulleres naquela época, xa que se trataba dunha sociedade patriarcal e falocéntrica na que a propia existencia dunha sexualidade á marxe dos desexos masculinos era impensable. Esta invisibilidade, padecida aínda moitos séculos despois, paradoxicamente foi a razón pola que as relacións entre mulleres non sufriron tanta persecución como as relacións entre homes. A existencia de relacións entre mulleres era simplemente ignorada.
A homosexualidade (entendida como os desexos, prácticas ou relacións sexo-afectivas entre homes ou entre mulleres) está presente dende que existe o ser humano, o que varía entre as distintas sociedades e épocas que se sucederon é a percepción da mesma. Hai milleiros de documentos que mostran como na Antiga Grecia e na Antiga Roma se enxalzaba o homoerotismo e as relacións homosexuais e, sen embargo, durante gran parte do século XX a homosexualidade foi brutalmente perseguida e castigada pola Alemaña nazi, que a consideraba un defecto xenético e un sinal de inferioridade. Ao longo das últimas décadas apareceron numerosos estudos sobre a homofobia e a percepción da homosexualidade a través da historia, centrándose especialmente nos últimos años, xa que o último século foi unha época moi revulsiva e con mais retrocesos e avances neste aspecto.
Con todos eses ensaios nos atoparemos ao activar o noso Grindr Bibliotecario, xa que fan Match co libro que hoxe presentamos neste blog:
Premendo nos títulos poderás ver as sinopses das obras no noso catálogo, ademais da súa localización e dispoñibilidade nas Bibliotecas. Se algunha delas chama a túa atención, non o dubides mais e vai ao seu encontro!