La hija del huracán, de Kacen Callender, en Grindr

A protagonista da historia é unha rapaza de 12 anos, Caroline Murphy, que vive no arquipélago das Illas Virxes. Caroline vive co seu pai nunha illa, Water Island, na que son os únicos veciños e a súa conexión con Santo Tomás, a illa onde fan vida social, é un ferry e a lancha do señor Lochana, ademais da barquiña do pai que está a maior parte do tempo varada na praia. Nese escenario, Caroline debe lidar coas nenas da escola e a súa profesora, que a desprezan por considerala “demasiado negra”, a ausencia do pai que pasa o día no traballo, e o abandono da nai, que un día desapareceu sen máis explicacións e a que Caroline desexa atopar con todas as súas forzas, xunto coa visión esporádica do espírito dunha muller, feito que sempre a inqueda. Ata que un día chega unha alumna nova, Kalinda, e a súa vida dará un envorco.

Con semellante caldo de cultivo, Kacen Kallender, persoa trans oriúnda e amante das Illas Virxes, constrúe unha historia robusta e atractiva en base a motores literarios clásicos trasladados a xeografías que nos resultan exóticas.

Así, revivimos o tropo da ausencia da figura paterna (materna neste caso) e o anhelo de atopala, presente na literatura desde que Telémaco buscou a Ulises, que será o eixo central sobre o que rote a historia, pero do que xurdirán outros aspectos que enriquecerán a trama:

  • A illa onde habita como personificación da propia Caroline e a súa vida interior e, de xeito inverso, Caroline como a encarnación do imaxinario caribeño, co seu nacemento marabilloso e a constante presenza do sobrenatural ao seu arredor, así como o racismo e a vivencia da negritude na vida social, tanto na illa de Santo Tomás como dentro das paredes da escola.
  • O ecosistema escolar, con particularidades propias de escolas femininas (e católica, neste caso) como fermento do amor homosexual, e con características comúns á maioría de escolas secundarias como o acoso e o bullying dunha parte do alumnado (e aquí tamén do profesorado) a outra; ou o mentor magnánimo encarnado na figura da directora e que nos resulta familiar a quen limos Harry Potter ou as novelas de internados de Enid Blyton.
    • As novelas de internados de Enid Blyton merecen o seu oco aquí, porque nelas están presente de xeito continuo as “amizades exclusivas”, que lembran sen rubor ningún relacións de parella entre mulleres, con celos incluídos, e que a escritora Diana Gutiérrez analiza polo miúdo no seu post “El género de internados, entre la diversión juvenil y la deconstrucción”, para absoluto desfrute de quen gozamos con eles na nosa nenez e adolescencia.
  • O coidado da saúde mental e as diversidades, temas que aparecen con certa tanxencialidade no relato pero case imprescindibles na literatura dos nosos días.
  • A metaliteratura, un aspecto que de xeito persoal me resulta fascinante e que se recolle nunha conversa que ten lugar entre Caroline e Kalinda.

Xa temos, logo, cubertos os datos persoais do libro e ao pinchar no match aparecen unha serie de gorentosas conexións. A non perder!

Eis os títulos da imaxe:

E, coma sempre, para atopar máis conexións con La hija del huracán non deixes de visitar o noso catálogo!

“Campo de plumas” en Grindr

Coma lemos na portada do propio libro, atopamos aquí unha colección de poemas de temática homosexual recollidos dende unha perspectiva temporal: dende a antigüidade ata a actualidade. Neste traballo, Jesús Castro Yañez fai unha recompilación de autores e xunto con algúns dos seus poemas mais destacados: trátase de escritores e artistas de distintas procedencias que tocan o tema de orientacións sexuais diferentes e diversidades identitarias.

Autores ben coñecidos como Safo, Catulo, Walt Whitman ou Gloria Fuertes comparten páxinas con outros menos populares no noso ámbito como Abu Nuwas, Sandro Penna, Wu Tsao ou Jesse Darling.

Se queredes seguir investigando, lendo e aprendendo sobre os diferentes autores que nos propón Jesús Castro, no catálogo das Bibliotecas Municipais da Coruña podedes atopar máis libros de todos eles. Para iso fixemos unha pequena colección de todas as súas obras. Votalle unha ollada ao noso catálogo para saber en cal das nosas bibliotecas podes atopalas.

  1. No creo poder tocar el cielo con las manos/ Safo.– Barcelona: Literatura Random House, 2017.
  2. Poesía lírica/ Sor Juana Inés de la Cruz.– Madrid: Cátedra, 1992.
  3. Hojas de hierba/ Walt Whitman.– Madrid: Alianza, 1999.
  4. Antología poética/ Elizabeth Bishop.– Madrid: Visor, 2003.
  5. 71 Poemas/ Emily Dickinson.– Barcelona: Lumen, 2003.
  6. Poesías completas/ Konstantino Kavafis.– Madrid: Hiperión, 1997
  7. Antología poética/ Federico García Lorca.– Madrid: Visor, 1996.
  8. Poesías/ Catulo.– Madrid: Cátedra, 2009.
  9. El libro de Gloria Fuertes para niñas y niños/ Gloria Fuertes.– Barcelona: Blackie Books, 2017.