Emma Pedreira aborda nesta novela a vida de Manuel Blanco Romasanta, unha das figuras máis rechamantes do imaxinario español. Romasanta, nado en Esgos (Ourense), viviu durante a primeira metade do Século XIX, e foi responsable de máis dunha ducia de crimes nos montes de Galicia e O Bierzo. De feito é considerado o primeiro asasino en serie da historia de España. Unha actividade criminal pola que foi condenado a morte e finalmente a raiña Isabel II conmutou o garrote pola cadea perpetua.

Na novela, penso que moi ben documentada e gañadora do Premio Xerais 2018, Pedreira pon de relevo a figura do sacaúntos galego dende unha perspectiva de xénero dando así unha volta de roda á historia oficial. Que Manuel Blanco Romasanta fose unha muller xa o apuntara o antropólogo Xosé Ramón Mariño e tamén quedou patente coa celebración das III Xornadas sobre Manuel Blanco Romasanta en Allariz no ano 2012, organizadas pola Fundación Vicente Risco.
Manuel ou Manuela, naceu branco e louro e a familia pensou que era unha nena: foi chamado, de feito, Manuela, ata que cumpriu 8 anos. O forense Fernando Serrulla apuntou a que Manuela ou Manuel sufría un estraño caso de pseudohermafroditismo, e aínda que tiña que ser muller segregaba unha enorme cantidade de andróxenos e podía presentar acusados rautos de violencia. Feito que contrastaba co súas delicadas labores “Cosía, bordaba, calcetaba. Cortaba traxes e vestidos. Era un ser doce, entrañable, amigo, sobre todo, das súas amigas” que moitas delas se converteron nas súas vítimas.
Dende logo a vida de Blanco Romasanta aparece ben artellada na novela, cun estilo narrativo que parece que bebe da condición de poeta da autora e que logra atrapar ao lector a medida que nos adentramos nos acontecementos. Home ou muller? o que si consegue Emma Pedreira ao longo das 114 páxinas da historia é que o lector viva case en primeira persoa a indefinición e por tanto a convivencia de ámbalas dúas condicións na figura de Manuel ou Manuela.
Polo tanto a curiosidade temática dende o punto de vista da intersexualidade activa o noso Grindr Bibliotecario de hoxe e fai match cos seguintes títulos:

- Inciértico o la rica historia del sexto océano / Marta Echegaray
- Transexualidad, intersexualidad y dualidad de género / José Antonio Nieto Piñeroba
- Middlesex / Jeffrey Eugenides
- Rara Avis : una teoría queerimpolítica / Daniel J. García López
Pero non esquecemos que Blanco Romasanta foi ademais o primeiro (e ata o de agora único) cidadán español diagnosticado de licantropía clínica, o que lle valeu o alcume de “home lobo galego”. Así que volvemos facer match coa licantropía e co mito de Blanco Romasanta:
- El bosque de Ancines / Carlos Martínez-Barbeito
- Romasanta : memorias incertas do home lobo / Alfredo Conde
- Manuel Branco Romasanta, o lobishome asasino / Xosé Ramón Mariño Ferro
- A causa contra Manuel Blanco “o Home Lobo” : expediente xudicial da Audiencia Territorial da Coruña ; coa edición facsímile da “Reseña de la causa… “
E lembra que sempre podes atopar máis máis títulos e facer macht no noso catálogo, o Cascarilleiro!