“Cobiza” de María Reimóndez

“Eu quero construir un mundo coma o que coñecín. Un mundo salvaxe e libre onde o obxectivo na vida non sexa acumular nada, senón simplemente construir o benestar propio sen esmagar os demáis seres.

Cantas citas e reflexións poderíamos compartir desta lectura…

Cobiza, gañadora do I Premio Pinto e Maragota á diversidade sexual e de xénero organizado polo Concello de Pontevedra e Xerais, é unha novela de ciencia ficción feminista, unha distopía que nos invita a reflexionar sobre o devenir dunha sociedade destruida por un progreso que non é tal, un avance tecnolóxico que non vai da man dunha verdadeira evolución do ser humano. Un cataclismo chamado a Gran Desconexión da paso a un mundo dividido entre os que posúen recursos e os que non (entre os Recunchos e as Capitais), onde a fertilidade convértese nunha moeda de cambio e unha forma máis de explotación das mulleres na promesa dunha vida mellor. Unha reflexión sobre o poder, as relacións humanas, o colonialismo, a escravitude, os roles de xénero e as identidades sexuais.

Pero, especialmente, Cobiza conecta cunha fonda visión ecofeminista da vida e do planeta que nos sustenta. Diría que esa é a cor de fondo de toda a novela. Unha denuncia a violación da Terra, os ecosistemas e as especies. Unha chamada tamén a recuperar o poder das devanceiras e do feminino na natureza. “Canto máis traballaba coa materia vexetal, máis entendía ate que punto as plantas e xa non digamos as árbores son seres sentintes e interconectados. A base da vida. ”

Seguindo este fío, estas son algunhas suxerencias de outros títulos de María Reimóndez que poderás atopar nas bibliotecas da rede:

E aquí van algunhas propostas de libros en sintonía coa temática de Cobiza, propostas que tocan cordas da ciencia ficción, da desigualdade social, da identidade e roles de xénero, da ecoloxía e o ecofeminismo… Cordas que tecen unha reflexión feminista e integral do mundo que habitamos.

Podes premer nos títulos que che interesen para ver a sinopse completa. Todos eles forman parte do Catálogo da Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña, onde podes consultar outros moitos títulos dispoñibles. Boa lectura!

“Eu querería un mundo onde as persoas entendesen dunha vez que están interconectadas non para explotarse, senón como están as árbores, sabes?

Entreliñas, pódcast sobre “lecturas orgullosas”

Vimos de participar no pódcast “Entreliñas“, conducido por Eva Mejuto (22 segundos ou Memoria diversa) e Teresa Cuíñas. Nel participan tamén persoas que seguimos moi de preto no seo deste club: Ismael Ramos, Nee Barros, Lucía Aldao ou Daniela Ferrández.

Dádelle ao play e descubride algo novo sobre nós!

Pícnic de peche de curso

O próximo mércores 27 de xullo despedimos o curso nun pícnic ao que estades todxs convidadxs.

En que consistirá? ⁣
🥝 Xs asistentes levaremos picoteo e bebida 🍻 para compartir⁣
📚Desvelaremos a nosa lectura favorita da tempada⁣
💅Risas & comadreo aínda que o tempo non acompañe ⁣
.⁣
.⁣
Anímaste? Trae as túas ganas de #culturaLGTB e unhas 🍻!⁣

Estamos xa preparando a programación da próxima edición 2022/2023. En setembro máis info!

#Lemos para ti #Orgullo 2022

Como cada 28 de xuño celébrase o Día Internacional do Orgullo, unha loita por defender  a diversidade  e o respeto a todas as personas LGTB.

Celébrase o 28 de xuño dende 1970, data que marca o inicio do movemento internacional polos dereitos LGTB,  para conmemorar o día en que tiveron lugar os disturbios de Stonewall no ano 1969: unha serie de manifestacións que se producen na redada policial contra as persoas LGTB que se atopaban no pub coñecido como Stonewall Inn (Nueva York)

Dende as Bibliotecas Municipais sumámonos a esta celebración, con mostras que poderás atopar nas Bibliotecas da Rede, a nova versión da guía de lectura “As Municipais Entenden” para poder disfrutar da lectura coas súas innumerables propostas dirixidas tanto a nenos como adultos. 

Poñemos as nosas voces nun especial temático do “Lemos para ti” neste Dia do Orgullo 2022, cunha selección de obras LGTB de distintos xéneros. Agardamos que goces escoitándonos.

“Illa Decepción” de Berta Dávila..

A protagonista desta novela expándese en dúas direccións aparentemente opostas: a do vencello cotián co seu fillo durante o confinamento e a do resto daquela nena que aínda perdura na súa imaxinación. Así, movida por un soño, máis de vinte anos despois de abandonalo, decide presentarse no apartamento onde viviu coa súa familia durante a nenez e a adolescencia

Ir a descargar</a

“Cine Crush” de Popy Blasco

Neste ensaio revísanse algúns dos mitos eróticos que fixeron que algunhas persoas descubrisen a súa orientación sexual a través dun feixe de películas comerciais que, no recordo, preséntanse como involuntariamente homoeróticas. O libro percorre centos de títulos protagonizados por ídolos rebosantes de erotismo filogay, invisible ao ollo heteronormativo; actores e personaxes xa lendarios que, mentres nuns despertaban admiración, no colectivo LGTBIQ+ despertaban desexo.

Ir a descargar Ir a descargar

“Memoria diversa” de Eva Mejuto

Esta obra é unha proposta nada para visibilizar ás persoas que loitaron pola dignificación do colectivo LGTB+ en Galicia e ás vítimas da represión e o rexeitamento por cuestións de orientación ou identidade de xénero.

Ir a descargar

” A defunción dos sexos” de Daniela Ferrández Pérez

A través de fontes de arquivo, xornalísticas e entrevistas reflexiónase sobre algún dos itinerarios que tiveron que percorrer persoas que viviron alén da norma sexual na Galiza dos últimos cento cincuenta anos e o seu enfrontamento co xugo dunha sexualidade obrigatoria que as condenaba ás marxes e ao ostracismo. Aquí escoitamos unha reflexión sobre a situación concreta do lesbianismo

Ir a descargar

 “Veintitantos problemas” de Álvaro Domínguez.

Relátasenos a relación entre tres homes novos que, tras os anos de universidade en Santiago de Compostela que os uniron, tentan enfrontar a idade adulta que lles ven enriba, cada un deles ao seu xeito.

Ir a descargar

“Solo los valientes” de Alejandro Albán

A novela relata o proceso de transición de Alejandro, ao longo dos anos, ata que a súa partida de nacemento, por fin, o recoñece por ese nome.

Ir a descargar

Despedimosnos coa poesía  “A Jenny” de Gloria Fuertes traducida o galego por Jesús Castro Yañez na escolma “Campo de Plumas”

Ir a descargar

Desexámosvos un  Feliz Orgullo 2022

“Veintitantos problemas”, de Álvaro Domínguez, en Grindr

Hoxe o Grindr Bibliotecario actívase ca obra “Veintitantos problemas”, do autor pontevedrés Álvaro Domínguez, gañadora do Premio de Novela Tandaia no ano 2017. Esta é a historia de tres amigos de vintetantos anos que senten que a vida se lles ven grande ao darse conta de que a etapa universitaria chega á súa fin.

Saúl leva un ano a traballar, Mario acaba de se licenciar e Ángel está no último curso. Os tres fixeron amizade en Santiago de Compostela, mais os anos da universidade están a piques de rematar e o que parecía unilos comeza a se volver na súa contra. Ángel fuxiu da casa do seu pai para evitar enfrontar os seus medos. Pola mesma razón, Mario deixou de lado a todos, incluída a súa mellor amiga, para se agochar tras o seu novo noivo. No piso que compartían os tres agora solo queda Saúl, quen non recibe máis visitas que as dos seus amoríos ocasionais e a súa criticadora irmá maior.

Álvaro Domínguez (Pontevedra, 1986), licenciado en historia da arte pola Universidade de Santiago de Compostela, é escritor, tradutor e profesor, mais tamén traballou no sector editorial e estudou o Máster en edición “Taller de Libros” da Universidade Autónoma de Madrid. Aínda que comezou a escribir moi cedo tardou varios anos en decidirse a facer públicos os seus escritos. Primeiro publicou en portais dixitais como Amateurs Hotel, The Barcelona Review ou La Cueva del Erizo. No ano 2014 o seu relato “No te levantes” aparece no libro “Lo que no se dice”, unha recompilación de narracións sobre os prexuízos homófobos e machistas nalgunhas institucións da sociedade española, publicada pola Editorial Dosbigotes. Repetirá editorial e formato no ano 2019 co relato “La pareja”, incluído na recompilación “Asalto a Oz”. “Veintitantos problemas”, publicada por Tandaia no ano 2017, é a súa primeira novela.

Os protagonistas desta novela son tres amigos de vinte e tantos anos que se atopan nese momento intermedio entre a adolescencia e a idade adulta. Xa rematan a universidade, deixan de ser estudantes, pero aínda non se senten adultos capaces de asumir responsabilidades. A década dos vinte anos é unha época de cambios e transición, na que á inestabilidade laboral que se atopan os mozos ao rematar os estudos súmanselle o desconcerto e a preocupación ante un futuro incerto, o desencanto e a nostalxia polo pasado. Nun grupo de amigos cada un vai escollendo o seu propio camiño, laboral e sentimental, e moitas veces isto supón un distanciamento. Nesta situación atópanse Ángel, Mario e Saúl: mellores amigos e compañeiros de piso que se refuxian en si mesmos (e no caso de Mario, na súa parella) para lidar cos seus problemas persoais, afastándose entre eles cada vez máis.

Para Álvaro Domínguez esa década dos vinte anos tivo moita importancia. Tanta que tivo un blog chamado “Vida a los 20”, unha especie de diario persoal que comezou a escribir pola necesidade de compartir os seus textos con xente fora do seu círculo máis próximo. Gustáballe recibir opinións para poder ir mellorando como escritor, e por iso pasou de ser un diario a ser o relato da vida con vinte e pico anos a través das súas propias experiencias durante esa época. O blog, que aínda que leva anos en desuso pódese consultar nesta ligazón, é un reflexo de si mesmo.

Se activamos o noso Grindr Bibliotecario con “Veintitantos problemas” aparecen varias novelas cuxos protagonistas son rapaces e rapazas homosexuais a medio camiño entre a adolescencia e a idade adulta, que andan a construír a súa propia identidade e buscar o seu lugar no mundo:

Para poder confirmar o teu match con estas obras podes premer nos títulos do listado e ver a sinopse, localización e dispoñibilidade.

Boa lectura!

“Besta do seu sangue”, de Emma Pedreira no Grindr

Emma Pedreira aborda nesta novela a vida de Manuel Blanco Romasanta, unha das figuras máis rechamantes do imaxinario español. Romasanta, nado en Esgos (Ourense), viviu durante a primeira metade do Século  XIX, e foi responsable de máis dunha ducia de crimes nos montes de Galicia e O Bierzo. De feito é considerado o primeiro asasino en serie da historia de España. Unha actividade criminal pola que foi condenado a morte e finalmente a raiña Isabel II conmutou o garrote pola cadea perpetua.

Na novela, penso que moi ben documentada e gañadora do Premio Xerais 2018, Pedreira pon de relevo a figura do sacaúntos galego dende unha perspectiva de xénero dando así unha volta de roda á historia oficial.  Que Manuel Blanco Romasanta fose unha muller xa o apuntara o antropólogo Xosé Ramón Mariño e tamén quedou patente coa celebración das III Xornadas sobre Manuel Blanco Romasanta en Allariz no ano 2012, organizadas pola Fundación Vicente Risco.

Manuel ou Manuela, naceu branco e louro e a familia pensou que era unha nena: foi chamado, de feito, Manuela, ata que cumpriu 8 anos. O forense Fernando Serrulla apuntou a que Manuela ou Manuel sufría un estraño caso de pseudohermafroditismo, e aínda que tiña que ser muller segregaba unha enorme cantidade de andróxenos e podía presentar acusados rautos de violencia. Feito que contrastaba co súas delicadas labores “Cosía,  bordaba,  calcetaba. Cortaba traxes e vestidos. Era un ser doce, entrañable, amigo, sobre todo, das súas amigas” que moitas delas se converteron nas súas vítimas. 

Dende logo a vida de Blanco Romasanta aparece ben artellada na novela, cun estilo narrativo que parece que bebe da condición de poeta da autora e que logra atrapar ao lector a medida que nos adentramos nos acontecementos. Home ou muller? o que si consegue Emma Pedreira ao longo das 114 páxinas da historia é que o lector viva case en primeira persoa a indefinición e por tanto a convivencia de ámbalas dúas condicións na figura de Manuel ou Manuela. 

Polo tanto a curiosidade temática dende o punto de vista da intersexualidade activa o noso Grindr Bibliotecario de hoxe e fai match cos seguintes títulos:

Pero non esquecemos que Blanco Romasanta foi ademais o primeiro (e ata o de agora único) cidadán español diagnosticado de  licantropía clínica, o que lle valeu o alcume de “home lobo galego”. Así que volvemos facer match coa licantropía e co mito de Blanco Romasanta: 

E lembra que sempre podes atopar máis máis títulos e facer macht no noso catálogo, o Cascarilleiro!

De festival en festival

No mes das flores arrincamos a nosa andaina festivaleira na cidade. Comezamos co Corufest, adicado este ano á memoria de Samuel Luiz, e pechamos o verán cunha colaboración especial co Atlantic Pride.

Imos ao lío:

Xa en xullo, amigas, arrinca o Atlantic Pride, que este ano presenta como novidade o I Certame de literatura LGTB do que formamos parte. O prazo de presentación de obras remata no mes de maio así que sacade as vosas plumas e… a escribir!

“Identidade”, de Nee Barros, en Grindr

Hoxe activamos o Grindr Bibliotecario cunha obra de teatro creada por Nee Barros Fernández (Ourense, 2002): “Identidade: a normalidade do non-común”, un libro que quere reivindicar que todo o que se sae do común tamén é normal, e que todas esas persoas socialmente minorizadas e discriminadas pola súa identidade de xénero son normais e precisan ter a mesma representación na literatura que teñen as persoas que entran dentro da normatividade. Todas as persoas somos diferentes e a diversidade da riqueza ao noso mundo.

Neste libro Zé, o protagonista, loita a contracorrente por construír a súa propia identidade. Coa complicidade dos seus amigos percorrerá un camiño no que moitas vendas negras que tapan os ollos e a alma da xente, representando o odio e o medo ás realidades descoñecidas, caerán ao chan. Rompendo todos os moldes, Zé será quen de amosarlle a todas as persoas que dá igual como te vexan os demais. O máis importante é como nos sentimos nós, ser quen queiramos ser e seguir sempre o que dite o noso corazón.

Nee Barros Fernández, coñecide nas redes como @neeumatiko, é escritore e youtubeire. Dende a súa canle de Youtube explica literatura galega para o alumnado de bacharelato, recomenda lecturas e, sobre todo, fai divulgación sobre temas relacionados co xénero e a realidade trans. Ademais, tamén é moi active en Twitter. Por se isto fora pouco, en ocasións toca nun grupo de música chamado Croalla. “Identidade” é a súa segunda obra, xa que a finais do ano 2020 publicou o libro de poemas “19 poemas para um virus-19”, escrito en galego reintegracionista e en linguaxe non binaria.

Nee Barros utiliza os pronomes neutros e a linguaxe non binaria, identificándose como “elu”, aínda que tamén use o masculino. Neste libro non emprega linguaxe non binaria porque quixo publicalo tal e como o escribiu cando solo tiña catorce anos e se atopaba no proceso de “saír do armario” como persoa trans. Poñer en palabras a súa propia experiencia na procura da súa identidade axudoulle a e entender o que lle estaba sucedendo, ademais de a sobrelevar mellor as situacións de opresión que sufriu nalgúns ámbitos da súa vida, xa que non todo o mundo o aceptou de igual maneira. Con este libro ademais quere que outras persoas que están a pasar pola mesma situación na actualidade teñan o referente que elu nunca tivo e saiban que non están soas.

Aínda que o libro non estea escrito nunha linguaxe inclusiva, si que podemos atopar un personaxe secundario na peza teatral que emprega o sistema “elu”, polo que podemos considerar que este libro é pioneiro no uso deste sistema dentro do mundo das publicacións en galego.

Nee decidiu que esta historia debía ter forma de peza de teatro, xa que considera que este é un xénero bastante esquecido sempre na literatura. Ademais decatouse de que o teatro estaba sempre dirixido a un público adultos ou en todo caso a un público infantil, quedando o xuvenil totalmente esquecido. Elu considera que este xénero é o que mellor pode conectar ca mocidade por ser o mais dinámico e directo, o que permite empatizar e reflexionar sobre a realidade sen estar dentro. Grazas á variedade de personaxes e a ausencia dunha voz narradora, a persoa lectora poderá identificarse con quen queira, enriquecéndose deste modo a lectura.

Esta é unha obra especialmente dirixida a un público adolescente, pero calquera persoa pode adentrarse nela, xa que trata temas pouco representados na ficción, como o é a construción da propia identidade de xénero dunha persoa trans adolescente dende a súa propia perspectiva. Este libro ademais será unha ferramenta moi útil para as familias das persoas trans, que en moitas ocasións non saben como poden axudar. Ademais, aínda que este libro fale concretamente da opresión que sofren aquelas persoas que loitan por construír identidade de xénero, non serán elas as únicas que se verán reflectidas nesta loita. Nee Barros considera que todas aquelas persoas que non se adaptan ao sistema e se atopan nas marxes da sociedade por ser diferentes, xa sexa polo xénero, a clase social ou a etnia, sofren os mesmos mecanismos de opresión por parte da mesma, e viven experiencias similares.

Activamos o noso Grindr Bibliotecario e atopamos varios títulos que nos invitan a pensar sobre a identidade de xénero mais alá do binarismo que rexe na sociedade actual:

Se queres saber máis sobre algunha destas obras simplemente preme no título que che interese e así poderás ver a sinopse, ubicación e dispoñibilidade.

Boa lectura!

Encontro con Jesús Castro Yáñez no marco do festival Primaletras

O noso primeiro contacto con Jesús foi aló no mes de agosto de 2021

Xa no Nadal comezamos a lectura de “Campo de plumas” e dimos cumprida conta no Instagram e neste blog cunha entrada adicada a esta escolma de Jesús Castro Yáñez e outros libros similares.

Agora estamos a 24 horas do encontro organizado con Jesús Castro Yáñez, que visitará por vez primeira os dous grupos de lectura LGTB das Bibliotecas Municipais. O encontro será conducido por Alejandro Castro, unha das persoas que integran o club.

O acto é de balde e aberto ao público ata completar a capacidade, e está incluído na programación do Festival Primaletras.

ACTUALIZACIÓN 28/03: accede á grabación do encontro