“Mamá, quero ser Ziggy Stardust”, de Iria Misa, en Grindr

Despedimos o ano da man de Iria Misa e a súa novela “Mamá, quero ser Ziggy Stardust”, na que descubrimos a historia de Aine, un neno trans que sente unha admiración especial pola figura de Ziggy Stardust, unha estrela de rock andróxina e extraterrestre que podía ser todo o que lle dese a gana. O músico marciano supón para o protagonista unha mensaxe de esperanza: a posibilidade dun futuro diverso e libre, “un futuro onde cadaquén puidese vestir como quixer e sobre todo, sentir como quixer, aínda que fose de xeito completamente distinto aos demais”.

Con ilustracións de Alba Barreiro, este título foi finalista do Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade. En cada páxina descubrimos a batalla vital que libran os menores transexuais: os conflitos emocionais, o rexeitamento dunha parte da sociedade, o impacto na contorna familiar, os conflitos escolares…

Resulta moi orixinal a introdución de Thomas como narrador da obra, unha terceira persoa incorpórea que, a modo de amigo invisible, prolonga a identidade do protagonista e dálle a comprensión que precisa para seguir adiante.

A novela de Iria Misa achega a rebeldía da figura de Bowie e os seus diversos heterónimos artísticos, unha figura icónica que quixo mudar o mundo por medio da música, dándolle voz a todas aquelas persoas que, a pesar das dificultades e das violencias (explícitas ou non), son como eles queren ser.

Nesta ocasión activamos o Grindr bibliotecario para roldarlle a unha escolla de títulos que abordan a realidade trans e recollen historias de autodeterminación e valentía, todos eles dispoñibles nas Bibliotecas Municipais de A Coruña. It´s a match!

“Mariquita”, de Juan Naranjo, en Grindr

“Mariquita” é unha novela gráfica e autobiográfica na que o autor, Juan Naranjo, ábrese de par en par e narra a historia da súa vida, que á súa vez é tamén unha historia universal ca que moitas persoas se verán identificadas: a historia dos marxinados, os diferentes, os acosados.

Desde un primeiro momento, Juanito descobre que non encaixa cos demais. No colexio empezan a chamarlle mariquita e non sabe moi ben que significa. Pouco a pouco percorrerá un camiño de autocoñecemento e aprendizaxe, pero tamén de soidade e illamento, que lle levará a descubrir que empoderarse é a única forma de saír do círculo da intolerancia e desprezo no que vive.

Juan Naranjo, tamén coñecido como @JuanitoLibritos nas redes, é profesor de secundaria nun instituto malagueño, pero tamén é booktuber e tuitero, ademais de activista polos dereitos da comunidade LGTB. Tamén foi colaborador da RNE este verán ca sección “He venido aquí a hablar de mis libros” onde, igual que na súa canle de Youtube, recomenda e fai recensións dos seus títulos favoritos. Traballar desde esa posición tan pública permítelle non solo difundir as súas recomendacións ou contar a súa experiencia, como no caso deste libro, senón tamén denunciar as inxustizas, loitar pola igualdade e visibilizar a un amplo público a realidade do colectivo LGTB e as barreiras cas que se atopa. El defende que para derribar a homofobia hai dous pasos que se deben seguir: o primeiro, non ser homófobo, e o segundo, non permitir comportamentos homófobos na nosa presencia. Para combatir a homofobia é fundamental ser activamente antihomófobo, e isto é o que el persegue tanto no ámbito académico e nas súas redes sociais como neste libro, no que remata apropiándose do insulto que recibiu gran parte da súa vida por ser gay, incluso antes de saber que o era iso.

Conta Juan Naranjo nunha entrevista que sempre tivo na súa cabeza a idea de facer unha novela chamada “Mariquita” falando da historia da súa vida, pero non fai ata fai 5 anos que decidiu comezar o proceso de escribir este libro. Deuse conta de que os textos que estaba creando eran moi escuros e duros, polo que decidiu que estes debían ir acompañados de ilustracións alegres e de cores vivas que compensaran a crueza. Para iso, foi a clases de acuarela durante dous anos e, cando viu que podía conseguir o resultado que buscaba transmitir, comezou a ilustrar as súas palabras e darlle forma a esta novela gráfica tan persoal. Tanto as ilustracións, feitas con rotuladores e acuarelas, como o texto, manuscrito, están realizados unicamente por el.

Aínda que a novela gráfica divídese en tres capítulos ou apartados (os anos de colexio, os anos de instituto e os anos da universidade), todo conforma unha mesma historia, a vida do propio Juanito, marcada pola homofobia. Moitas lectoras e lectores poderán verse identificados nas palabras do autor, xa que aínda que cada un ten o seu propio entorno e condicionantes e vive unha vida única, moitas das persoas do colectivo LGTB comparten unha serie de vivencias semellantes no seu camiño de autodescubrimento e na súa relación co resto da sociedade. Juan Naranjo é consciente de que moitas persoas viviron coma el unha infancia solitaria, pero afirma que co tempo descubriu que realmente non estaban solos, solo estaban illados. Seguramente no piso de arriba ou no outro lado da parede había outra persoa pasando exactamente pola mesma situación. A sociedade foi a encargada de que todas esas persoas sufriran (e sufran) estes momentos tan complicados en soidade, sen podelos compartir. Grazas a esta lectura moitas persoas LGTB poden sentirse por fin acompañadas lembrando ese illamento que viviron, e outras moitas persoas cis-hetero poden ser conscientes desta realidade e tomar un papel activo na loita contra a homofobia e a lgtbifobia, dando así pequenos pasos para conformar unha sociedade concienciada no valor da diversidade e da igualdade. Por isto cremos que “Mariquita” é un libro que debería ler todo o mundo.

Desta vez abrimos o Grindr e atopamos algo diferente: vemos varias recomendacións do propio autor. Estes libros fan match con “Mariquita” porque son os que inspiraron a Juan Naranjo á hora de contar a súa historia:

Pero nas Bibliotecas tamén hai outros moitos títulos que fan match con esta obra: libros onde os autores reflexionan sobre a homosexualidade e a homofobia en España e contan as súas vivencias:

Premendo nos títulos en amarelo poderás ver as sinopses das obras no noso catálogo, ademais da súa localización e dispoñibilidade nas Bibliotecas. Seguro que ti tamén atopas varios match entre elas!

“Lo que más me gusta son los monstruos”, de Emil Ferris, en Grindr

Como non íamos activar o noso Grindr Bibliotecario cunha das mellores novelas gráficas destes últimos anos? “Lo que más me gusta son los monstruos” é a primeira (e, esperemos, non única!) obra de Emil Ferris, unha autora estadounidense que foi toda unha revelación, e que ten unha historia ben especial.

No ano 2001 a autora, que daquela tiña 40 anos, contraeu a febre do Nilo Occidental pola picadura dun mosquito, quedando totalmente paralizada de cintura para abaixo e perdendo tamén o movemento da súa man dereita. Mentres se recuperaba da parálise, Ferris comezou a dar forma a esta novela gráfica, que aínda que primeiro foi rexeitada por cerca de 50 editoriais, cando por fin foi publicada no ano 2017 tivo un gran éxito entre a crítica e o público, gañando varios premios entre o que se atopa un dos máis prestixiosos no mundo do cómic: o Premio Eisner (levou os galardóns de Mellor álbum gráfico, mellor guionista/ debuxante e Mellor colorista).

Esta novela gráfica conta unha historia sobre os monstros reais e imaxinarios que aparecen no caderno dunha nena freak que quere ser unha detective-lobo. A través da súa propia interacción con ela mesma e cos demais, afondarase na psicoloxía humana, a sexualidade e a súa homosexualidade, a guerra… e o secreto mellor gardado do seu vecindario. O libro ten a forma dun caderno de espiral, o caderno da protagonista, e as súas ilustracións están feitas unicamente con bolígrafos.

Emil Ferris denúdase neste cómic para ofrecernos unha obra con tinturas autobiográficas a nivel emocional, onde a protagonista é unha proxección da propia autora. Aos comezos da súa vida considerouse lesbiana, para logo definirse como bisexual. Ademais, Emil Ferris nunca se sentiu muller, de pequena aterráballe esa idea. Prefire non pensar nela mesma en termos de xénero, xa que considera que é moi reducionista. Por iso, imaxínase coma un monstro. Entón non é casualidade que os dous únicos personaxes homosexuais da obra estean representados como monstros: a protagonista aparece coma unha nena-lobo, e o seu amigo Franklin é unha representación de Frankenstein.

Logo de afondar un pouco nesta obra, activamos o noso Grindr Bibliotecario para ver se hai semellanzas con outras obras do catálogo e…

Match! Match! Match!

Seica temos moitas outras novelas gráficas lóbregas onde os seus protagonistas LGTB viven nun mundo de monstros. Ás veces, literalmente, pero de cando en cando tamén atopamos monstros agochados entre a xente: monstros de carne e óso. Noutras tantas ocasións, os monstros están dentro de nós, son as nosas inseguridades corroéndonos por dentro.

Se queres confirmar o teu match con algunha destas obras, preme no título para ver a sinopse no noso catálogo. Alí tamén verás a súa ubicación e dispoñibilidade, para que poidas ter un encontro ca novela gráfica que elixas e, quen sabe… Igual a cita resulta perfecta e quedas con ganas de mais!

Novas incorporacións de narrativa LGTB para adultos

Gústache pasar o tempo lendo unha boa novela? Pois le con atención este post porque hoxe traémosvos as novas incorporacións ao catálogo das nosas Bibliotecas Muncipais, de narrativa para adultos e de temática LGTB. Hai novelas de diferentes xéneros para todos os gustos e que agardamos vos gusten tanto como a nós.

  • Con el amor bastaba, Máximo Huerta. Unha emocionante novela de vida cotiá que pon o foco na única vía de salvación fronte aos desencontros e as diferenzas, o amor.
  • Calypso, David Sedaris. Colección de relatos cómicos onde o paso do tempo, o aburguesamento involuntario e, sobre todo, a familia, protagonizan esta serie de historias nas que o propio Sedaris fai de voz e personaxe principal.
  • La cresta de Ilión, Cristina Rivera Garza. Novela rompedora e de intriga que aborda a identidade e o xénero. A autora disecciona os efectos da violencia e explora os límites do real.
  • Frankissstein: una historia de amor, Jeanette Winterson. Novela de ciencia ficción, que che leva a unha viaxe no tempo divertidísimo e agudo con Frankenstein, alter ego actuais mergullados no mundo da intelixencia artificial, a criogenia e os robots sexuais.
  • Niña, mujer, otras, Bernardine Evaristo. Novela da vida cotiá composta por historias independentes, pero entrelazadas entre si e protagonizadas por doce mulleres de diferentes xeracións, clases sociais, ideoloxías, sexualidades e identidades.
  • Encuéntrame, André Aciman. Para os que leron a primeira parte “Llámame por tu nombre” do autor. Esta novela romántica é a continuación da mesma, e segue a vida de Samuel, o seu fillo Elio e Oliver.
  • Reina, ELizabeth Duval. Primeiras memorias en España dunha muller da xeración Z que aos 19 anos xa é un referente da poesía e do activismo.
  • Las malas, Camila Sosa Villada. A autora constrúe un texto autobiográfico ‘ trans’ sen remilgos sobre os seus anos salvaxes.
  • Lara e Sabela, Ignacio Vidal Portabales. Novela da vida cotiá na que o autor indaga na temática do amor feminino con humor, delicadeza e fortuna.
  • A teoría dos contrarios, Pere Tobaruela. Historia de amor que non entende de sexos, unha historia de polos opostos que se atraen.
  • Boulder, Eva Baltasar. Continuación de “Permafrost” , na que agora a relación entre as dúas mulleres e estable e duradeira. O tema que aborda, é a maternidade e a disgregación da parella vinculada ao nacemento dun fillo.

Xa sabes que se hai algunha do teu interés, soamente debes clicar enriba do título para coñecer a súa sinopse, datos bibliográficos e ubicación para ver en qué biblioteca está dispoñible e así levala en préstamo e comezar a disfrutar dela.

As recomendacións LGTB do Nadal 2020.

Este Nadal, como todos os anos, as Bibliotecas Municipais da Coruña vimos de elaborar unha guía cunha morea de suxestións de libros para agasallar a quen máis o desexedes trátase da Guía de Nadal Historias de Regalo 2020. Son recomendacións para todas as idades, dende os pequenos e pequenas da casa ata a xente adulta.

Neste post queremos destacar a proposta que facemos dentro da sección LGTB e feminismos, que xa é habitual na guía de Nadal:

  • Permaxeo, Eva Baltasar. Novela da vida cotiá para adultos onde a protagonista coas súas dúbidas, presións externas e un remuiño de emocións fan que se sinta soa e incomprendida nun mundo no que non encaixa.
  • SuperUlex, Susana Sanchez Arís. Novela xuvenil dos superheroes da vida, tras pasar por unha leucemia e incorporarse de novo ao instituto, a protagonista, decide utilizar os seus superpoderes para combater a favor das boas causas. Porén, ela tamén está á procura da súa identidade.
  • Oliver Button é unha nena, Tomie de Paola. Conto vermello para nenos e nenas de 6 a 8 anos, un clásico que, dende a emoción e a sensibilidade, anima á autoafirmación e á empatía fronte aos estereotipos e á incomprensión.
  • Elisa e Marcela, Xulia Vicente. Cómic galego de adultos que narra a historia de amor e valentía de Elisa e Marcela, as galegas que protagonizaron un escándalo a comezos do S. XX tras casarse pola igrexa.
  • Superbollo contra la L.E.F.A, VV. AA. Cómic hispano de adultos colaborativo e escrito polo colectivo Parole de Queer. A novela gráfica aprópiase da estética de Superman para reverter o rol clásico do superheroe desde o feminismo e o queer.
  • Entre donas, VV. AA. Conto da vida cotiá para adultos que reúne dez relatos doutras tantas escritoras galegas actuais, diversas en estilo narrativo ou experiencias, pero que coinciden en tomar a palabra e falar con voz propia, colocando as mulleres no centro da historia.
  • No estamos tan bien: nacer, crecer y vivir fuera de la norma en España, Rubén Serrano. Investigación levada a cabo polo xornalista e autor do libro, sobre crecer e vivir sendo queer na España actual. Os protagonistas ven como certos espazos seguen condicionados por un mundo que xulga as súas posicións sobre xénero, amor e sexualidade.
  • Mariquita: una historia autobiográfica sobre la homofobia, Juan Naranjo. Juanito descobre que non encaixa cos demais e no colexio empezan a chamarlle mariquita sen saber que significa. Esta obra persoal conta unha historia universal, a dos marxinados, os diferentes, os acosados.

Se tedes interés en algún deles clica enriba do título para acceder ao documento no noso catálogo e ver todos os datos do mesmo. E se queres coñecer todos os demais materiais que recomendamos para agasallar, pincha no seguinte enlace e accederás á guía completa, onde os atoparás clasificados por idades: ENLACE Á GUÍA DE NADAL HISTORIAS DE REGALO 2020.

Unha marabillosa guía con unha gran cantidade de historias para ler, ver e escoitar e para todos os gustos e públicos.

Os cómics LGTB que acabamos de incorporar ao catálogo…

Se che gusta o cómic non deixes de ler este post, xa que traemos as últimas novidades en cómics LGTB para o público adulto e que de seguro che encantarán.

Cómic galego

  • O derradeiro libro de Emma Olsen, Pablo Prado. A escritora norteamericana Emma Olsen, regresa ao seu pobo natal para afrontar os seus últimos meses de vida afectada por unha enfermidade terminal. Dedicará o tempo que lle queda a escribir un libro.

Cómic hispano

Cómic europeo

Cómic americano

Cómic manga

Que vos parecen as novidades? Se che interesa algunha podes clicar no título de cada unha delas e lévache directamente ao documento para ver todos os datos dos mesmos e a súa ubicación nas nosas bibliotecas da rede. Botádelles un ollo!

Últimas incorporacións LGTB Infantil e Xuvenil nas Bibliotecas Municipais da Coruña

Dende as bibliotecas municipais da Coruña compartimos con vós as novas incorporacións ao catálogo de temática LGTB, para o público infantil e xuvenil.

Atoparedes algún conto para as crianzas da casa e algún que outro cómic e narrativa xuvenil, xa para os máis maiores.

Se che interesa algún, non dubides en clicar máis abaixo enriba do título de cada un deles para ver se está dispoñible e así levalo en préstamo, ademais de poder consultar a súa sinopse, signatura e a biblioteca onde se atopa.

María Reimóndez: “okupar o espazo político da lingua galega é poñer en cuestión permanentemente o poder”

María puta

Diego maricón

María Reimóndez
Imaxe tomada da web da autora

O poder ten a capacidade de manifestarse en cantas formas desexa e a narración biográfica de María Reimóndez no relato A esencia da cidade lévanos, queiramos ou non, a un cara a cara con aqueles convulsos anos de sufrimento de constantes violencias silenciosas e silenciadas que, non obstante, retumbaban a máis non poder nos corpos de quen as padecemos. Un longo percorrido persoal cheo de asaltos e invasións socialmente aceptados que van conformando as nosas circunstancias, as nosas fronteiras e marcas que, como di a autora, son o mapa dos nosos corpos. E os corpos, di, son cidades.

Dentro da iniciativa #DesconfinarALingua que estamos promovendo na Rede de bibliotecas co gallo das Letras Galegas 2020, organizamos co noso club irmán O cuarto propio (de lecturas feministas) un encontro virtual en zoom con María Reimóndez en torno ao seu relato A esencia da cidade, de descarga libre e gratuíta na web de Xerais.

Unha oportunidade para falar desta e doutras obras de Reimóndez, autora galega e feminista que desconfina a lingua para ampliar as marxes e dar voz a personaxes coas que volve contar as historias que nos malcontaron antes. Unha sorte de escrita e de autora que tamén nutren o universo LGTB e contribúen aos nosos necesarios logros colectivos de converter o insulto en algo bonito e de identificar de xeito claro quen exerce a opresión e a violencia deixando xa de paso de revitimizar as vítimas. Unhas cuestións reivindicadas tamén o próximo 17 de maio polo Día internacional contra a homobofia, a bifobia e a transfobia.

Como anticipo ao encontro, que será o xoves 14 de maio ás 18h a través da plataforma zoom, e para ir abrindo o debate, María Reimóndez respóndenos a unhas cuestións que lle plantexamos. Recorda: para participar no encontro escribe a bibliotecas@coruna.es e darémosche as credenciais para conectarte.

– – – – – – –

Por que escribes?

A resposta curta, porque me divirto. A resposta longa, porque creo que é un xeito máis de intervir na sociedade, de crear mundos ou de botar luz sobre os que están ao noso arredor.

É difícil publicar?

Non son eu precisamente quen deba avaliar isto, dado que en xeral tiven sempre editoras e editores tremendamente receptivos ao que escribo, xente sen a cal sería imposible facer o que eu fago. Penso aquí en especial en Manolo Bragado, que apostou polo Ciclo dos elementos, un proxecto que, cando llo contei por primeira vez debeu de pensar que ía bébeda. Tamén en Fran Alonso.

Mais dito isto, si sei que para as mulleres, sobre todo para as que escribimos dende o incómodo, non é doado que nos abran a porta. Primeiro, porque hai un nesgo lector moi grande en xeral con respecto ás lecturas que temos como referentes. Dado que aí o principal son homes que falan de certas cousas, cando unha pon no centro do relato outras voces ou estéticas, é difícil que reciba valoración e recoñecemento. Isto nótase moito no tema dos premios de narrativa, en como se segue pensado que un personaxe masculino fala do universal e un feminino do particular.

Os editores (en masculino intencional) beben dese canon patriarcal, e isto é unha dificultade. De feito a primeira vez que fun a unha editorial, e non vou dicir o nome porque a persoa protagonista destes feitos non segue nela, un señor editor permitiuse, cando me neguei a cambiar a novela que lle presentara para que os personaxes masculinos tivesen centralidade (eran todos secundarios), literalmente berrarme e dicirme unhas cousas que non son dignas nin de deixarse por escrito. Basicamente me chamou parva e, nun contexto profesional no que eu agardaba un trato profesional, me tratou con total violencia. Lembro saír do despacho, onde me dediquei a argumentar entre os seus literais berros, e chorar no medio da rúa da rabia e da frustración. Porque estaba certa de que se fose un señor de 40 anos nunca na vida me falaría así.

Polo tanto, que a min agora non me pasen este tipo de agresións no mundo editorial porque teño unha certa idade e unha certa visibilidade, non quere dicir que non lles estean pasando a outras compañeiras. Queda moito que traballar.

A túa inspiración parte do mesmo sitio cando escribes poesía, ensaio ou narrativa?

Si, parte do que eu chamo a ira produtiva. A necesidade de explorar aquelas cousas que me proen, que me parecen inxustas ou que me parecen valentes e invisibilizadas. Creo que a ira é unha emoción que está por explorar e que só dela pode abrollar un amor xusto, sen edulcoración e romanticismos. Dá para moito falar isto pero creo que nas mulleres a ira ten moi mala fama e eu estou emperrada en quitarlla. A teoría feminista das emocións é unha ferramenta marabillosa para facelo.

Lingua e queer. Cal é a relación?

Para min a relación está máis no campo da lingua e os feminismos, dentro dos cales enmarco o queer. As teorías queer sen enfoque feminista son fondamente problemáticas (e poderiamos dicir que viceversa). É novamente un espazo de pensamento crítico moi vizoso. As escritoras feministas violentamos moitas veces as convencións patriarcais da lingua, polo tanto convertémonos en queer no sentido de estrañas e alleantes. Por outra banda, as teorías queer explotan as identidades binarias e retroalimentan esa procura dunha linguaxe “dinamiteira” (“da fala”, como se describía a María Mariño, unha das poucas homenaxeadas nas Letras Galegas). Se o vemos dende outra óptica, okupar o espazo político da lingua galega é poñer en cuestión permanentemente o poder, o cal non quere dicir que todo o que se escriba ou exprese nesa lingua estea libre de sexismo, homofobia, lesbofobia. De feito, nada máis lonxe da realidade. Pero o punto de partida témolo. O caso é querer usalo.

Que poden facer os servizos públicos, como as bibliotecas, para contribuír ao proceso de desaprender e volver aprender de novo?

Fronte á figura patriarcal do escritor como home solitario, eu creo na escrita como un feito colectivo. Para min o importante da escrita é a comunidade que se tece ao seu arredor. Non valen de nada os textos se non teñen quen os lea (e tanto teñen aquí as cifras, se nos len moitas ou poucas persoas… ben, menos se miramos o peto, que aí obviamente todas precisamos que nos lea o maior número de xente posible para poder ter uns ingresos). Para min non hai xerarquía entre as autoras, as lectoras e as mediadoras. Todas formamos parte dun ecosistema que precisa de todos os elementos para sobrevivir. Nese contexto, o labor dos servizos públicos é fundamental. As bibliotecas son un elemento democratizador da lectura inigualable. Porque igual que me parece importante que as autoras poidamos vivir da nosa escrita, tamén me parece aínda máis importante que as lectoras sen recursos poidan seguir lendo. As bibliotecas rebordan con moito esta función e convértense en dinamizadoras que alimentan o sistema completo. Creo que nese sentido, canto máis se explote esa función de humus, de promover a relación entre autoras, lectoras e mediadoras dende o espazo público, máis fortes seremos nun ambiente cada día máis hostil dende o punto de vista da lingua e tamén cara á propia lectura. As bibliotecas teñen a sorte de non seguir fins comerciais e con iso, ademais, poden dar espazo a voces que os sistemas maioritarios silencian e facer que libros que se publican en editoras pequenas, en linguas non hexemónicas, sobre temas incómodos, acaben atopando unha manda de lectoras que os acollan, simplemente porque a biblioteca os fai visibles. Todas estas funcións son indispensables.

– – – – – –

PD: Fóra do normal, de María Reimóndez (dispoñible en dixital en GaliciaLe) foi unha das nosas lecturas do ano pasado. Con el a autora logrou o Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade 2017. O libro trata a historia de André, un mozo trans admirador da banda deseñada que conforma a Patrulla Trans con Xela, Martín e Mucha. Unha rede de afectos para a superación e a mellor comprensión do mundo na que a aprendizaxe última consiste en non ter medo a ser quen se é: «no medio da treboada, a única heroicidade é resistir».

Podes consultar as obras nas que participa María Reimóndez e que están dispoñibles no catálogo das bibliotecas, e na plataforma GaliciaLe.

ACTUALIZACIÓN 27/05/2020: vídeo completo do encontro en zoom con María Reimóndez