María Reimóndez: “okupar o espazo político da lingua galega é poñer en cuestión permanentemente o poder”

María puta

Diego maricón

María Reimóndez
Imaxe tomada da web da autora

O poder ten a capacidade de manifestarse en cantas formas desexa e a narración biográfica de María Reimóndez no relato A esencia da cidade lévanos, queiramos ou non, a un cara a cara con aqueles convulsos anos de sufrimento de constantes violencias silenciosas e silenciadas que, non obstante, retumbaban a máis non poder nos corpos de quen as padecemos. Un longo percorrido persoal cheo de asaltos e invasións socialmente aceptados que van conformando as nosas circunstancias, as nosas fronteiras e marcas que, como di a autora, son o mapa dos nosos corpos. E os corpos, di, son cidades.

Dentro da iniciativa #DesconfinarALingua que estamos promovendo na Rede de bibliotecas co gallo das Letras Galegas 2020, organizamos co noso club irmán O cuarto propio (de lecturas feministas) un encontro virtual en zoom con María Reimóndez en torno ao seu relato A esencia da cidade, de descarga libre e gratuíta na web de Xerais.

Unha oportunidade para falar desta e doutras obras de Reimóndez, autora galega e feminista que desconfina a lingua para ampliar as marxes e dar voz a personaxes coas que volve contar as historias que nos malcontaron antes. Unha sorte de escrita e de autora que tamén nutren o universo LGTB e contribúen aos nosos necesarios logros colectivos de converter o insulto en algo bonito e de identificar de xeito claro quen exerce a opresión e a violencia deixando xa de paso de revitimizar as vítimas. Unhas cuestións reivindicadas tamén o próximo 17 de maio polo Día internacional contra a homobofia, a bifobia e a transfobia.

Como anticipo ao encontro, que será o xoves 14 de maio ás 18h a través da plataforma zoom, e para ir abrindo o debate, María Reimóndez respóndenos a unhas cuestións que lle plantexamos. Recorda: para participar no encontro escribe a bibliotecas@coruna.es e darémosche as credenciais para conectarte.

– – – – – – –

Por que escribes?

A resposta curta, porque me divirto. A resposta longa, porque creo que é un xeito máis de intervir na sociedade, de crear mundos ou de botar luz sobre os que están ao noso arredor.

É difícil publicar?

Non son eu precisamente quen deba avaliar isto, dado que en xeral tiven sempre editoras e editores tremendamente receptivos ao que escribo, xente sen a cal sería imposible facer o que eu fago. Penso aquí en especial en Manolo Bragado, que apostou polo Ciclo dos elementos, un proxecto que, cando llo contei por primeira vez debeu de pensar que ía bébeda. Tamén en Fran Alonso.

Mais dito isto, si sei que para as mulleres, sobre todo para as que escribimos dende o incómodo, non é doado que nos abran a porta. Primeiro, porque hai un nesgo lector moi grande en xeral con respecto ás lecturas que temos como referentes. Dado que aí o principal son homes que falan de certas cousas, cando unha pon no centro do relato outras voces ou estéticas, é difícil que reciba valoración e recoñecemento. Isto nótase moito no tema dos premios de narrativa, en como se segue pensado que un personaxe masculino fala do universal e un feminino do particular.

Os editores (en masculino intencional) beben dese canon patriarcal, e isto é unha dificultade. De feito a primeira vez que fun a unha editorial, e non vou dicir o nome porque a persoa protagonista destes feitos non segue nela, un señor editor permitiuse, cando me neguei a cambiar a novela que lle presentara para que os personaxes masculinos tivesen centralidade (eran todos secundarios), literalmente berrarme e dicirme unhas cousas que non son dignas nin de deixarse por escrito. Basicamente me chamou parva e, nun contexto profesional no que eu agardaba un trato profesional, me tratou con total violencia. Lembro saír do despacho, onde me dediquei a argumentar entre os seus literais berros, e chorar no medio da rúa da rabia e da frustración. Porque estaba certa de que se fose un señor de 40 anos nunca na vida me falaría así.

Polo tanto, que a min agora non me pasen este tipo de agresións no mundo editorial porque teño unha certa idade e unha certa visibilidade, non quere dicir que non lles estean pasando a outras compañeiras. Queda moito que traballar.

A túa inspiración parte do mesmo sitio cando escribes poesía, ensaio ou narrativa?

Si, parte do que eu chamo a ira produtiva. A necesidade de explorar aquelas cousas que me proen, que me parecen inxustas ou que me parecen valentes e invisibilizadas. Creo que a ira é unha emoción que está por explorar e que só dela pode abrollar un amor xusto, sen edulcoración e romanticismos. Dá para moito falar isto pero creo que nas mulleres a ira ten moi mala fama e eu estou emperrada en quitarlla. A teoría feminista das emocións é unha ferramenta marabillosa para facelo.

Lingua e queer. Cal é a relación?

Para min a relación está máis no campo da lingua e os feminismos, dentro dos cales enmarco o queer. As teorías queer sen enfoque feminista son fondamente problemáticas (e poderiamos dicir que viceversa). É novamente un espazo de pensamento crítico moi vizoso. As escritoras feministas violentamos moitas veces as convencións patriarcais da lingua, polo tanto convertémonos en queer no sentido de estrañas e alleantes. Por outra banda, as teorías queer explotan as identidades binarias e retroalimentan esa procura dunha linguaxe “dinamiteira” (“da fala”, como se describía a María Mariño, unha das poucas homenaxeadas nas Letras Galegas). Se o vemos dende outra óptica, okupar o espazo político da lingua galega é poñer en cuestión permanentemente o poder, o cal non quere dicir que todo o que se escriba ou exprese nesa lingua estea libre de sexismo, homofobia, lesbofobia. De feito, nada máis lonxe da realidade. Pero o punto de partida témolo. O caso é querer usalo.

Que poden facer os servizos públicos, como as bibliotecas, para contribuír ao proceso de desaprender e volver aprender de novo?

Fronte á figura patriarcal do escritor como home solitario, eu creo na escrita como un feito colectivo. Para min o importante da escrita é a comunidade que se tece ao seu arredor. Non valen de nada os textos se non teñen quen os lea (e tanto teñen aquí as cifras, se nos len moitas ou poucas persoas… ben, menos se miramos o peto, que aí obviamente todas precisamos que nos lea o maior número de xente posible para poder ter uns ingresos). Para min non hai xerarquía entre as autoras, as lectoras e as mediadoras. Todas formamos parte dun ecosistema que precisa de todos os elementos para sobrevivir. Nese contexto, o labor dos servizos públicos é fundamental. As bibliotecas son un elemento democratizador da lectura inigualable. Porque igual que me parece importante que as autoras poidamos vivir da nosa escrita, tamén me parece aínda máis importante que as lectoras sen recursos poidan seguir lendo. As bibliotecas rebordan con moito esta función e convértense en dinamizadoras que alimentan o sistema completo. Creo que nese sentido, canto máis se explote esa función de humus, de promover a relación entre autoras, lectoras e mediadoras dende o espazo público, máis fortes seremos nun ambiente cada día máis hostil dende o punto de vista da lingua e tamén cara á propia lectura. As bibliotecas teñen a sorte de non seguir fins comerciais e con iso, ademais, poden dar espazo a voces que os sistemas maioritarios silencian e facer que libros que se publican en editoras pequenas, en linguas non hexemónicas, sobre temas incómodos, acaben atopando unha manda de lectoras que os acollan, simplemente porque a biblioteca os fai visibles. Todas estas funcións son indispensables.

– – – – – –

PD: Fóra do normal, de María Reimóndez (dispoñible en dixital en GaliciaLe) foi unha das nosas lecturas do ano pasado. Con el a autora logrou o Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade 2017. O libro trata a historia de André, un mozo trans admirador da banda deseñada que conforma a Patrulla Trans con Xela, Martín e Mucha. Unha rede de afectos para a superación e a mellor comprensión do mundo na que a aprendizaxe última consiste en non ter medo a ser quen se é: «no medio da treboada, a única heroicidade é resistir».

Podes consultar as obras nas que participa María Reimóndez e que están dispoñibles no catálogo das bibliotecas, e na plataforma GaliciaLe.

ACTUALIZACIÓN 27/05/2020: vídeo completo do encontro en zoom con María Reimóndez