Como cada 28 de xuño as Bibliotecas Municipais da Coruña sumámonos á celebración do Día Internacional do Orgullo LGTB. Esta data conmemora os disturbios acontecidos no pub Stonewall Inn (Nova York) no ano 1969, que marcaron o inicio da loita polos dereitos das persoas LGTB.

Durante estes días ofreceremos diferentes recursos a través das nosas ferramentas dixitais que se centran na visibilidade das realidades LGTB e na celebración da diversidade, como por exemplo a guía de lectura “As Municipais Entenden 2021”:

Con todo, nas Bibliotecas cremos que é necesario traballar nesta liña de maneira continuada e a longo prazo. É importante resaltar esta reivindicación e loita polos dereitos LGTB no Día Internacional do Orgullo, pero moito mais efectivo é levar a cabo unha serie de accións e actuacións permanentes, estables e planificadas que contemplen diferentes perspectivas para acadar uns obxectivos preestablecidos que se encamiñan a lograr unha total inclusión das persoas LGTB.

Neste sentido, hoxe queremos destacar a relación da Axenda 2030 da ONU e os seus ODS (Obxectivos para un Desenvolvemento Sustentable) cas persoas LGTB e coa labor que podemos realizar nós dende as Bibliotecas ao respecto.

No ano 2015, 193 países comprometéronse cos 17 obxectivos de desenvolvemento sustentable das Nacións Unidas e co seu cumprimento no ano 2030. Estes obxectivos teñen como finalidade a igualdade entre as persoas, protexer o planeta e asegurar a prosperidade como parte dunha nova axenda de desenvolvemento sustentable. Estes 17 obxectivos compleméntanse con 169 metas, que non se poden lograr sen a inclusión de todas as persoas, en especial as poboacións máis marxinadas.

Os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da Axenda 2030 (ONU)

Como parte desas poboación marxinadas ás que debemos prestar unha maior atención atopamos á poboación LGTB. En relación cos ODS da Axenda 2030, a organización RFSL (Swedish National association for Sexual Equality) di no seu informe For all The Sustainable Development Goals and LGBTI People (2019), que para acadar unha plena igualdade é prioritario centrarnos nos campos nos que as persoas LGTB se ven máis discriminadas: a saúde, a educación, a pobreza, a seguridade, a familia e o recoñecemento legal do xénero.

E que podemos facer dende as Bibliotecas ao respecto? Como centros de información e coñecemento, debemos garantir o acceso igualitario aos nosos fondos, ademais de ofrecer información que contribúa á formación en diversidade e aceptación, para conseguir ser unha sociedade inclusiva. Na Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña apostamos por unha liña de traballo especificamente dirixida á inclusión das persoas LGTB, mediante a cal levamos a cabo unha serie de iniciativas e propostas estables e continuadas no tempo. Entre outros aspectos, tentamos:

  • Impulsar a presencia de materiais LGTB co obxectivo de enriquecer o fondo, tanto para un público adulto como para o público infantil. Estes materiais estarán sempre dirixidos á ruptura de estereotipos e a visibilidade das opcións sexuais non heteronormativas ou LGTB para contribuír á súa normalización e, así, loitar contra a LGTBIfobia. Incluímos tanto obras que reflictan a realidade do mundo LGTB e das persoas que o conforman, como todas aquelas creadas por persoas LGTB.
  • Dar a coñecer recursos e realizar actividades e accións dirixidas non solo ás persoas LGTB, se non a toda a poboación para fomentar súa inclusión e a igualdade.
  • Facilitar os trámites coma o cambio de nome e/ou xénero, que se pode efectuar con facilidade cubrindo, asinando e entregando esta solicitude en calquera das nosas bibliotecas (se es menor de 16 anos, terán que asinala tamén as persoas que teñan a titoría legal).
  • Ofrecer e facilitar o acceso libre e sen barreiras á información, educación e cultura, pensando en todas as comunidades que atendemos e poñendo especial fincapé nas máis discriminadas, como son as persoas LGTB. Debemos apoiar ás persoas LGTB e facilitarlles a información, apoio e recursos que precisen.
  • Ser un espazo integrador e inclusivo, onde todas as persoas poden atopar resposta ás súas necesidades e todas as realidades estean presentes e sexan visibles.

Hoxe, Día Internacional do Orgullo LGTB, queremos finalizar este post co mensaxe da Axenda 2030, e unha das nosas metas a acadar: non deixar a ninguén atrás.

Feliz e reivindicativo día do Orgullo!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s